Opinión

As doenzas dos concellos galegos:o magma edílico galego

“Por enriba de tódalas fronteiras, / por enriba de muros e valados, / se os nosos soños son igoais, / coma un irmau che falo” (Longa noite de pedra, Celso Emilio Ferreiro).

O dicionario da Real Academia Galega chámalle magma, en sentido figurado, a «un conxunto de cousas que se presentan confusas e en gran número». Hai un magma de cousas, que acreditan a insolidariedade crónica do Estado cos concellos galegos, verbi gratia, a distribución dos fondos destinados a cofinanciar o custo dos servizos básicos que lle corresponden á veciñanza. E, sempre houbo un magma de confusión controlada dos alcaldes galegos diante desa actitude discriminatoria.

A frouxidade dos edís galegos, á hora de unir forzas na defensa daquilo que os seus concellos merecen, mercé ás diferenzas obxectivas cós do resto do Estado, é realmente preocupante. A prestación dos servizos básicos é máis cara en Galicia, non porque os nosos alcaldes e as nosas alcaldesas xestionen peor, senón porque, factores como o asentamento da xente no territorio (Galicia ten tantas entidades de poboación como o resto de Estaña) incrementan substancialmente a factura da auga, do lixo, do mantemento das vías públicas, etc. E, se os custos son maiores, as achegas do Estado tamén deberían ser maiores. 

Mais, se é preocupante que os representantes galegos nas Cortes do Estado non se molesten en reivindicar, coa énfase necesaria, unha discriminación positiva no reparto dos fondos que o Estado destina aos seus concellos, para facer máis levadeiro o gasto da prestación de servizos –e para inxectarlle calidade– é obvio que aos alcaldes e alcaldesas desta esquina do mapa debería doerlle a cabeza, ao constatar como a mal chamada Federación Galega de Municipios e Provincias segue sen adoitar unha actitude literalmente impertinente diante dos gobernos do Estado, sempre prestos a levar os cartos de todos cara aqueles territorios nos que poden pescar máis votos, antes ca aplicar unha cativa dose de solidariedade coa cidadanía galega.

Ah! O meu tío Lisardo pensa que iso tamén acontece polo desleixo dos políticos galegos diante das decisións do Estado que lle afectan ao seu País; e mercé á servidume incondicional dos alcaldes e concelleiros, sempre dispostos a recadarlle os votos, para polos onde están, sen pedirlle nunca nada a cambio. Vaque si?      

Te puede interesar