Opinión

Don Alberto e a astroloxía luscofusquiana

“Ya el sol asomaba en el poniente, / ya el cóndor surcaba el firmamento / y la patria gloriosa, heroica y valiente, / de victoria profiere el juramento.»

(Les Luthiers, Ya el sol asoma en el poniente).

Non adoito esquecer unha cara, mais con vostede farei unha excepción”, din que dixo Groucho Marx, en paz descanse, cando acolá onde se atopa lle dixeron que Feijóo, ao desembarcar en Andalucía, o primeiro que fixo foi poñerse a presumir de saber máis de postas de sol que o propio Bill Clinton, mentres un tal Rueda roda e chouta por riba dos coios das corredoiras do país incapaz de facer estourar o maleficio que lle aperta a gorxa, dende que o sol asoma o fociño ata que os Albertos “enes” Feijóos de quenda manobran nos mecanismos dos reloxos para decidir cando se debe poñer.

De todas e tantas ocorrencias e habelencias que os galegos disidentes coñeciamos –e sospeitabamos– daquel presidente galego tan agudo e pillabán que, no canto de tomar unha cervexa cunhas olivas despois do choio, desbaldía os atardeceres deambulando coma un papahostias, dende as penedas de Fisterra ata a Alhambra de Granada, a máis xenuína, a de ser quen de interpretar e medir as postas de sol, sen necesidade de gozar do seu esplendor, descoñeciámola por completo. 

Se o souberamos antes de que decidira ir a vivir a Madrid, tratando de facernos crer que, a partir de deixarnos plantados, o sol nacería en Génovatrece e se poría na Porta do Sol, nunca lle permitiriamos marchar. Mais, como malia todo sempre estaremos dispostos a compartir, sen pedir explicacións, o seu romanticismo astrolóxico e sempre nos deixaremos embobar, sen preocuparnos o seu significado, pola semántica dunha decadente e trasnoitada astroloxía luscofusquiana, imbuirémonos na nosa perpetua desmemoria e iremos arredando as súas lembranzas ata esquecernos da súa estampa, se for o caso, coa mesma intensidade coa que el vai esquecendo a do seu coitado predecesor, para abrazar ao seu sucesor como se fose auga de maio. 

(O meu tío Lisardo pensa que os fulanos como Feijóo naceron para acabar durmindo na Moncloa antes de que o sol esmoreza, non polas súas agudezas senón mercé a torpeza do que non sabe pechar as portas por dentro. Iso si, con Abascal mexéndolle e mexándolle a cuna e dándolle o chupete.)

Te puede interesar