Opinión

Don Alberto, o home que perdeu o acento (que nunca tivo)

“Quen esquece as súas raíces, vólvese moi manipulábel” 

(Monseñor Rodríguez Carballo, La Región, 18/08/2022).

Por moi serio que se poña, don Alberto sabe que a súa incontinencia troleira e unha actitude tramposa e tarabela, conforman o adubo necesario dun dos virus máis danosos que hoxe en día infestan e minguan a calidade democrática do Estado español. Porén, malia sermos conscientes da súa doenza crónica –e talvez incurábel– deberiamos agarimar a esperanza de que os que lle quentan a orella co seu bafo fedorento, lle acaben botando unha pingada de modestia no tímpano, para vermos se gaña unha lixeira melloría. Iso sería o desexábel, claro; a non ser que os desmemoriados lambecús que o arrodean traten de intoxicalo para que, máis cedo ca tarde, se vexa forzado a abdicar a favor da de Madrid ou mesmo do de Andalucía. El sabe de memoria o ‘manual de artimañas xenovesas’. E senón que llo pregunten a Casado. 

Cando o respectábel público se decatou que don Alberto era o campión dos troleiros compulsivos, o tal xa levaba uns cantos lustros apostatando da verdade. Mais, se miles de humanos e varias ducias de opinantes tardaron tanto en detectar as frouxidades do gran líder do ‘centro extremo’, non foi por mor dunha aparente ignorancia, foi porque estes inacentuados personaxes case nunca son como son, senón como nolos pintan os que só saben escribir ao ditado. 

Cando in illo tempore os da banda de Lestrobe caemos da burra, don Alberto xa sabía conxugar o pretérito pluscuamperfecto. Xa dominaba con mestría o antepretérito. Mesmo hai quen di que este tempo verbal (que indica un momento anterior a outro situado no pasado) foi ideado polos gramáticos para que puideramos situar no almanaque os exuberantes embustes dun pínfano –absolutamente átono– empeñado en facernos crer que centrismo, centralismo, centro do mapa e centro extremo ou extrema dereita son os ingredientes necesarios para cociñar o pisto que salvará España da fame. Mais, se destapamos a cazola, só cheiraremos unha ansia desbocada por vivir no medio e medio (no centro extremo) dunha fábrica de caspa, onde a prima de risco, os tipos de interese, a estafa da débeda pública, a desmemoria do pactado, as candorcas que furgan na costa galega, a temperatura do aire acondicionado, a dos produtos conxelados e Moaña –un pueblo muy gallego y muy marinero– acaben formando unha sorte de liña isoterma, na que el e as súas trolas sexan o mercurio do único termómetro político que detecte as temperanzas no universo. 

(O meu tío Lisardo opina que, o home que está a piques de perder o acento (que nunca tivo), aspirante á presidencia do Goberno, xamais atopará o momento propicio para practicar o xogo limpo, porque sabe que só chegará onde quere chegar coas reviradas artimañas que lle permitiron alcanzar a cúspide da Xunta. Daquela, Quintana secuestraba maiores para levalos aos mitins. Agora, Sánchez idea plans para intoxicarnos con pescada podre, derretendo o xeo dos conxeladores coa subida da temperatura do aire acondicionado.) 

Te puede interesar