Opinión

Don Nacho, Rajoy e o sorriso que nos chafan a diario

“Ao final, cando xa non se podía andar pola rúa sen deixar de ser decente, mandoulle Deus a morte, pero Pardo conseguiu fuxir dela.” 

(Os escuros soños de Clio, Carlos Casares).

Lisardo Quintas Teixeira, o meu tío Lisardo, é un racionalista, iconoclasta, porfión e metódico, empeñado en dividir todo en dúas categorías. E o humor tamén. 

En primeiro lugar está o que el lle chama “humor limpo”; cada vez máis exiguo. Ese que todos desexamos practicar, que é aquel que nos fai sorrir –ou rir ás gargalladas-, que flúe a partir da cara revirada das cousas ou que se alimenta do lado inverso da xente, verbi gratia, a risada da xente común, por mor dos tuits de Cassandra. Ou o sorriso súbito que talvez provocan nas olladas limpas as caricaturas do entroido amparadas polo concelleiro de Cultura da Coruña. 

Despois está esoutra categoría doente, a que profesan determinados comediantes, a do “humor descolorido” ou esbrancuxado. Esa que, malia a cara de chiste que poñen os seus impertinentes practicantes, no canto de risa prodúcenos náuseas insoportables. Un exemplo deste tipo de humor é a actitude do ministro de Xustiza, don Rafael Catalá, pretendendo facernos engulir, ata atragantarnos, ese pretexto paifoco de que cando lle dicía a Ignacio González "ojalá se cierren pronto los líos" só era para transmitirlle o desexo de que as cousas se estabilizasen en España, sabendo, como sabía, que a don Nacho lle importaba un carallo a cor desa paisaxe que o outro cualificaba de “inestable”. Tamén se podería incluír nesta categoría a estampa esperpéntica do presidente Rajoy, mostrándolle os xeonllos ao seu homólogo do Brasil, o tal Michel Temer -un dos paxaros máis corruptos do mapa- mentres os de aquí ollamos impasibles a ringleira que forman á porta do caldeiro eses insignes patriotas que o noso cualifica de “casos illados”. 

Ah! O meu tío trae outra vez ao caso o último libro de Milan Kundera, A festa da insignificancia, no que o autor checo, despois de explicarnos como os tiranos converten a risa nun privilexio, acaba relacionando o humor coa insignificancia, xactándose da risa inspirada nesta época que nos toca vivir, que é cómica porque perdemos –ou nos fixeron perder- todo o sentido do humor.

Te puede interesar