Opinión

Espellos cóncavos na longa noite de cuarto minguante

“Mira o reló dúas ou tres veces. Por fin adiántao vinte minutos. Sabe que é un engaño, pero adiántao.” (Vento ferido, Carlos Casares).

Chovía a cachón, as pingadas estralaban contra o chan e un negror melancólico usurpábanos a tarde, cando un rapaz de pel escura, totalmente enchoupado e cunha cabrita polo ramal, apuraba o paso pretendendo rubir a un autobús, a piques de arrancar. O condutor fixo un aceno coa cabeza e, coa voz seca e contundente, advertiulle que as cabras non podían viaxar no transporte público. Ante tal disxuntiva, para sorpresa do propio chofer e demais viaxeiros, o rapaz decidiu deixar a chiba atada ao pau da luz e entrar no coche de liña, para seguir o seu rumbo, posiblemente cara un lugar de ningures. Andou devagar polo corredor do bus, ata avistar un asento baleiro ao pé da fiestra. Chapurreando o galego, pediulle permiso para pasar á moza que estaba sentada na cadeira do interior; e a tal, no canto de arredar, ergueuse de présa e deixou a súa praza vacante, alegando en castelán e en voz alta que se apearía na próxima parada, malia que ninguén lle pedira explicacións. 

Ao repararmos en semellante estampa, mesmo fomos testemuñas das expresións faciais e da conversa dunha parella de mediana idade que, con voz precavida, deixaba constancia da súa repulsa ante o proceder do mozo da chiba: «Este comportamiento es realmente intolerable! Alguien debería denunciarlo, por abandono de animales! Y que pague los gastos!».

Cando o bus chegou á próxima parada vimos como se apeaba o viaxeiro da pel escura, mentres a rapariga espantadiza finxía non ter présa. Foi xusto nese intre cando o piloto elevou ao tope o volume da radio, obrigándonos a escoitar a voz feminina que irrompía na conversa, «son las doce, las once en Canarias», para pornos ao tanto do plan de Trump de esixirlles aos mexicanos que constrúan un muro na fronteira.

Seguidamente alcumou de «ejemplarizante» o auto da Audiencia que ordenou a entrada no caldeiro dos xefes de Novagalicia e deulle paso ao presidente da Xunta, quen coa voz quebradiza cualificaba de drama tal circunstancia. Varios viaxeiros, con rostro pecaminoso e plena aquiescencia, escoitaban atentamente como Feijoo mesturaba aos nosos devanceiros cos pínfanos que se fan de rogar á hora de devolver os 10 millóns de marras (quen non ten un avó que se poida atopar nunha situación semellante?). A locutora concluíu póndonos ao tanto do tempo, «llueve en Galicia y, por lo tanto, bajará la luz», e despediuse dándolle paso ás noticias locais. Outra voz, no mesmo idioma e con outro ton, contounos as mesmas novas, agás a do muro mexicano. Iso si, ninguén aclarou se chovía mercé a unha decisión de Rajoy, ou por mor das rogativas que organizara o cura da parroquia, e da tunda que lle dera o Celta ao Real Madrid non soubemos nada de nada.

Ah! Mentres ía á presentación da versión galega do “Retrato do colonizado, precedido do retrato do colonizador”, de Albert Memmi, deille conta ao meu tío Lisardo de todo o acontecido. Non fun capaz de dicirlle o nome da emisora, mais iso seica non ten importancia porque, ao fin e ao cabo, todas nos contan as noticias e ningunha nos informa do que pasa.

Te puede interesar