Opinión

O estado da nación / O estado da ficción

“El vino que tiene Asunción, /

no es blanco, ni es tinto, ni tiene color”

(Canción popular).

Pedro Sánchez non deixa de contrapoñer os conceptos esquerda e dereita, para inculcarnos a idea de que el e a súa parroquia conforman o espazo progresista, tratando así de avalar unha dicotomía que, malia ser evidente na sociedade, na praxe política do Goberno español merece unha credibilidade semellante á que nos inspira Alberto “Npunto” Feijóo, cando pretende venderse como un político de centro. E, iso ocorre porque aceptamos, daltónicos e submisos, que os que teñen a tixola polo mango nos sigan embobando impunemente, no canto de esixirlle que nos permitan coñecer o que realmente acontece.

Algo semellante sucede nos espazos políticos do nacionalismo, ou mesmo nesoutra dicotomía onde gurran centralismo e autonomía. Distráennos co que se coce en Madrid -o que a semana pasada lle chamaban “debate sobre o estado da nación”- malia que, segundo o CIS, non lle interesa a case ninguén. E nós calamos, deixándonos imbuír polas parvadas capitalinas, no canto de teimar no ‘debate do Estado de nacións’, no carácter plurinacional do Estado, para que ninguén se esqueza que a reivindicación das cuestións identitarias é a mellor vitamina para alcanzar máis benestar social.

Maiormente, no eido dos principios, naquilo que nos debería incumbir a todos -ou alomenos aos que nos consideramos progresistas– na Dicotomía con maiúscula, na porfía entre democracia e autocracia, permitimos que medra a confusión constante, mentres as esencias -a liberdade, a participación e a transparencia,...- van perdendo o seu brío, ata deixármolas escapar polos sumidoiros da insignificancia. O poder xudicial manda, no canto de xulgar, os borbóns son intocábeis, xa ninguén se acorda de Pegasus, ao crime de Melilla restámoslle importancia, da guerra de Ucraína só podemos conxugar o “si, guana” e as barbaridades que se cometen dende as cloacas do Estado son as servidumes que hai que pagar para defender a unidade da patria.

E así seguimos, alegres e felices, bailando a yenka ao ritmo da música que nos tocan: Izquierda, izquierda, derecha, derecha./ Adelante, detrás, un dos tres,... mentres Sánchez, Feijóo e a nosa Yolanda se van convertendo en auténticos “fásmidos”, esa caste de insectos aos que lle muda a pel ata transformarse en vexetais inertes, para camuflarse discretamente segundo as imposicións da contorna, e así evitar que os engulan os insectívoros que, obviamente, andan á súa espreita.

(O meu tío Lisardo coida que, malia tanta semellanza entre os tales e os fásmidos,aínda hai unha pequena diferenza: no caso dos bichos só existe o instinto de supervivencia e xamais perden o norte, mentres que os nosos líderes, cada vez que se camuflan, renuncian a unha parte do seu ideario, para camiñar sen rumbo, á procura dese lugar incerto, máis coñecido como Ningures. Velaí a pequena diferenza).

Te puede interesar