Opinión

Feijóo e a reconciliación coa familia (política)

“Lo importante no es el precio/ Si no el valor de las cosas/ Pobrecito mi patrón/ Piensa que el pobre soy yo” 

(Facundo Cabral, Pobrecito mi patrón).

Xa hai quen pensa que Pablo Casado tiña outro nivel. Os moi coherentes tertulianos madrileños, eses ilustrados e incondicionais do «onde dixen digo, digo Diego», comezan a recuar discretamente, mostrando un cariz emboutado en melifluas doses de pomada nostálxica. Aínda que sexa devagar, van caendo da burra e van constatando –sen recoñecelo, claro!– que o novo ocupante daquel edificio da capitalina rúa de Génova, cuxa reforma foi pagada con diñeiro gañado daquela maneira, por moito que exhiba unha folla de servizos incólume, non é o trigo limpo que nos queren mostrar. Pouco a pouco, os tarabelos que nos fan confundir os dixomedíxomes coa doutrina oficial, van abrindo os ollos e descubrindo, malgré lui, as matas de magarza que afuman e atoldan o gran dourado que queren vender dende Madrid. 

Algúns xa comezan a dicir coa boca pequena que Casado era outra cousa. Din, os que hai cousa dun mes afirmaban o contrario, que Casado era o garda civil capaz de darlle o alto ao moinante que se pretendía identificar como parente, para espetarlle sen inmutarse: «Cuando estoy de servicio, no conozco ni a mi padre». Ese, e non estoutro, si que tiña carácter; sabía distinguir a magarza do trigo e un pillo dun delincuente.

Estoutro, o que nos deixou para darlle pábulo aos que pensan que ser xefe do PP é máis importante ca presidir o País onde naceu, seica é un político da dereita moderada, ou de centro, moi experimentado e bo xestor, malia as evidencias que acreditan o contrario e malia a obvia inaptitude para distinguir un pillabán dun ladrón. Iso si, o que parece palpábel é a súa acérrima defensa da familia, tanto da de sangue como da política. Quen ten irmá e ten curmá, é normal que comprenda que a señora Ayuso saiba o que é ter un irmán e que Almeida entenda o que é ter un primo, aínda que pretenda convencernos que o quixeron tomar por primo. E quen se casa con Vox non pode negar que a extrema dereita pertenza á súa familia. O novo, lata a voda mais envíalle a Abascal o mellor regalo: compartir e repartir a herdanza de Fraga (e de Franco, claro). Por se alguén tiña dúbidas, os irmáns políticos, os cuñados, tamén forman parte da familia. Iso, de momento, é o único que nos demostrou na nova andaina o que nos deixou porque «quiero volver a vivir a Madrid»: a carteira mirando cara aos consanguíneos e a ideoloxía comparida cos afíns. 

(O meu tío Lisardo nunca se cansa de repetir, «dime con quen andas e direiche quen es». Mais, hai que ser comprensíbeis, porque o que nos deixou acaba de chegar a Madrid e é normal que non saiba con quen se xunta ou que se perda nos cruces des camiños). 

Te puede interesar