Opinión

Fiestras con cristais afumados

“Logo dixo que unha fiestra non debía ser outra cousa que un oco cuberto de cristal, limpo e transparente, para ver con claridade o que hai ou o que sucede no exterior.” 

(Deus sentado nun sillón azul, Carlos Casares).

Adoutrina oficial do goberno do Partido Popular, xenuinamente adornada pola comparsa dos altofalantes afíns –co asentimento de Pedro Sánchez, malia o seu new look- alcanzou tal grao de incredibilidade, que mesmo é incapaz de dotarse da intelixencia necesaria para limpar o lodo que embouta a súa retorta maneira de actuar, a base de aporlle aos outros as falcatrúas que só eles son capaces de idear. E é aí, nesa picardía calculada, onde repousa a principal razón pola que os de Rajoy recorren ao discurso monográfico inducido, para tapar as súas infinitas vergoñas. 

Engancháronse ao asunto do referendo catalán e machácannos, sen piedade, dende que nace o sol ata que se pon, negándolle á Generalitat a competencia para preguntarlle á cidadanía de acolá se quere irse ou prefire quedar. E, como a idea de que acaben marchando lle produce auténtico pánico, no canto animalos a que se queden, o que fan é axotalos, afirmando que España é territorio de especial protección, e polo tanto indivisible, agarrándose á interpretación interesada dunha norma que seica é inmutable, agás cando a eles lles convén mudala.

Porén, no caso de que o próximo 1º de outubro, ou inmediatamente despois, con referendo ou con eleccións, os cataláns lle respondan “si” á pregunta de Puigdemont, a cousa vaise pór moi fea. Tan fea que, ao perder o mapa a feitura da pelica de touro, pode acabar converténdose nun poliedro imposible agás que, coma nos tempos de Franco, traían outra vez as Canarias para debaixo das Baleares ou armen outra polo estilo. Fóra diso, da feitura do mapa, o resto é insignificante.

Ah! O meu tío Lisardo non para de preguntarse, e nós que? Nós “nin fu, nin fa”, estamos aquí de papaleisóns, observando como Feijoo debuxa o mapa de Galicia nunha lámina de manteiga, tratando de convencernos de que grazas a el non se derrete, agardando que Rajoy llo coloree cuns orzamentos do Estado que perden a tinta ao chegar a Benavente, ou cun sistema financeiro galego que puido ser e non foi, ou coas eléctricas que só están aquí para cobrar os foros coma se fosen feudais. Pero iso é insignificante. O que importa é a lei, para aplicárllela aos outros, agás cando é beneficiosa para engrosarlle a carteira aos de confianza, aínda que o tribunal de tribunais declare a súa ilegalidade (amnistía fiscal). Hai que “goderse” con esta España tan guai, onde pase o que pase nunca pasa nada, e onde unha cousa e a súa contraria poden ser absolutamente iguais.

Te puede interesar