Opinión

Guerra patriótica: nacionalismo madrileño contra centralismo español

“A dos telediarios del final os puedo asegurar que (...) el mundo se divide entre los que están sanos y los que están enfermos: la mayor fortuna de la vida es la fortuna de vivir mientras uno está libre de enfermedad.” 

(Julio Dorado, “El silencio del aviador”, La Región, 2/10/2020).

Tratando de emular a cita que lle tomamos emprestada a Julio Dorado -a anduriña que é capaz de escribir no aire coas alas- o meu tío Lisardo resolveu clasificar os madrileños en dous grupos: os que baballoan contra o estado de alarma dende as solainas douradas do barrio de Salamanca, adoecidos por non poderen gozar da ponte do Pilar na praia; e os que xemen e agatuñan polas escaleiras das estacións do metro, tratando de fuxir da Covid-19, para evitar que se lle pegue ás costas coma un pegañento carrapato, cando zumegan olas de suor no traballo e mentres observan como lle tremen as pernas ao pensar que poden perdelo.

Así que, cando hai uns días, cós pés a metro e medio do chan e coa cabeza nas nubes, a excelentísima presidenta da comunidade capitalina afirmaba se puxo a levitar como Santa Teresa coa andrómena, «Madrid no debe estar en alarma. Si no es libre, no será Madrid», é obvio que se estaba a referir aos capitalinos do primeiro grupo, aos madrileños castizos, aos que fan engruñar varias veces a Pedro Sánchez antes de molestalos.

Oh, Madrid, Madrid, que pecado cometerías para que eses desaprehensivos do goberno te castiguen sen chotis e sen mantón de Manila! Claro que non! Ti non mereces tan severa penitencia, humillándote con esa parvada do estado de alarma, malia a túa circunstancia, con permiso de Ortega -o filósofo, non o toureiro- tan preocupado pola insubmisa España invertebrada. Madrid debe ser libre, aínda que todos, “los de provincias”, nos convertamos en estatuas de sal, cada vez que ousamos tusir mirando cara a fonte de Cibeles. 

En fin, aí andan, empezoñados nunha vergoñenta, estúpida e miserábel guerra de malos contra malos (con mortos e doentes incluídos), a adiantada do ultranacionalismo madrileño, Isabel Díaz Ayuso, con licenza de Pablo Casado, e o zamurgo paladín do centralismo español, Pedro Sánchez, coa venia do outro Pablo; e uns e outros agarrados ao Catecismo patriótico español do bispo Méndez-Reigada, para evitar que se lle afogue nas augas do Manzanares. 

(O meu tío Lisardo anda algo adoecido porque, ao paso que imos, o Tribunal Supremo e o Constitucional van ter que pór no seu sitio á provincia de Madrid, se non queren que lles faga como a rexión do nordeste de España.)

Te puede interesar