Opinión

A inmensidade da insignificancia

“Sabio é quem monotoniza a existêcia, pois então cada pequeno incidente tem um privilégio de maravilha” 

(Fernando Pessoa, Livro do desassossego).


Iván Raña, home de varios oficios, dedicou toda a súa vida a currar nunha infinidade empresas e zugar cervexas nos ratos libre. Traballou moito de albanel, mais tamén foi pintor, carpinteiro, ferreiro e incluso exerceu de fontaneiro municipal. Cando era funcionario, para esfumarse algo do choio, dicía que ía localizar unha fuga. Foi cando os entendidos en sobrenomes lle puxeron o Fugas. É ben certo que nunca foi un bo profesional, e oímoslle dicir moitas veces, «traballa quen non serve para outra cousa». Cumpriu os cincuenta tacos coincidindo coa crise do 2008 e, ao perder a fe nas empresas, o Fugas, aburrido da vida, deixouse levar pola abulia e decidiu arranxar os papeis para cobrar o paro. Cobrou o tempo regulamentario e, nese tránsito da vida, comezou aceptando encargas para facer algunha chapuza. 

Nesa situación, de perceptor do paro e traballador clandestino, aínda botou unha boa tempada. Aprendeu do seu avogado a técnica da “provisión de fondos” e, a unha multinacional, onde traballou algún tempo, plaxioulle a refinada habelencia de financiar as cervexas á custa da clientela: pedíalle aos penitentes que demandaban os seus servizos un adianto para mercar catro sacos de cemento e corenta ladrillos, gastaba a metade en cervexas e, coa outra metade, mercaba dous sacos e vinte ladrillos. Ao comezar a angueira, como cobraba a diario a man de obra, dispuña de liquidez para matar a sede e completar o material pendente. 

Hoxe en día, mercé a estes tempos de incerteza e desvarío, por mor da guerra, da suba de prezos e da escaseza de profesionais, ao constatar como medra a demanda dos seus servizos, como fan moitos profesionais respectábeis, optou por normalizar a anormalidade de traballar dándose de alta no epígrafe de «autónomo somerxido». 

Ten tantos clientes que xa nin sequera precisa pedir provisión de fondos nin armar trangalladas financeiras. No seu afán de emular aos grandes, a formalidade do Fugas á hora de cumprir prazos, garantir calidade e outras obrigas non forma parte da súa idiosincrasia. O valor das súas accións, a diferenza dos seus correlixionarios do Ibex, é moito máis comprensíbel: se entra no bar e pide unha caña, a cousa non anda ben; mais se a súa opción é unha cervexa 1906, entón todo indica que os dividendos de Iván Raña van de marabilla.

(Hai uns días, o meu tío Lisardo faloume dos beneficios económicos do Banco de Santander e de Iberdrola. Seica son os mellores da súa historia. Tamén me falou de moitos profesionais liberais, deses que traballan nas administracións públicas pola mañá e nos despachos privados pola tarde, que nunca asinaron unha factura. E nós seguimos preocupados polas cativezas tributarias do pobre Iván Raña). 

Te puede interesar