Opinión

A insipidez minguante da esquerda cortesá

“Respetando a los que van a manifestaciones, la paz no es patrimonio de ellos; todos trabajamos por la paz” 

(Margarita Robles).


A que lle chamará a ministra de Defensa traballar pola paz? Pois iso, “antes muerta que sencilla”, como di a canción. E despois estráñalle á militancia socialista que Feijóo diga “al PSOE no le quitaría el sueño gobernar con los de Santiago Abascal”. O dos Peares, malia ser un troleiro compulsivo, ás veces tamén lle escapa a verdade pola boca. 

Hai unha evidencia pragmática, cada día máis patente, que pon de manifesto que as cousas importantes sempre as cocen entre os tres de marras, Vox, PP e PSOE, por esta orde e a orde aquí non é unha cuestión menor. Mal que nos pese, son demasiadas as cousas que os unen: por moito que pretendan disimular Sánchez pacta a diario con Vox e, co partido de Fraga, tamén. Por suposto. Non hai diverxencias coa extrema dereita e coa dereita cando os asuntos teñen que ver coa defensa e protección absoluta da monarquía (antes eran republicanos), cando hai que defender a sacra unidade de España (antes eran federalistas), co militarismo incesante (antes era OTAN non e bases fóra) ou cando hai que tapar a masacre de Melilla e defender réximes revirados. E, os socios da gobernación? Xemen e quéixanse de que os desdeñan. Nada máis. Non nos enganemos. Margarita Robles sempre exerce de voceira ideolóxica do goberno de coalición e, por aquilo de “parvo es e en parvo te converterás”, non ten reparo ni recato en meter no mesmo saco aos defensores da paz e ao new belicismo sanchista, mentres a sinistra (refírome ao aspecto) capitaneada pola nosaYolanda Díaz, se limita a insinuar que está a favor de incrementar o gasto militar en 1000 millóns, sempre e cando non sexa en pólvora e mecha. Aquí non cola o discurso das prioridades. Ou se está a favor ou en contra, non hai matices. 

 (O meu tío Lisardo pensa que vivimos emboutados na desidia duns tempos acugulados de amoralidade e cinismo político, onde a democracia coxea por mor da incríbel frouxidade ideolóxica dos que nos gobernan, malia aburrirnos cada día coa palabra esquerda.Unha esquerda que renega cada día dos seus principios, para darlle cumprimento aos gustos ideolóxicos de Vox e do PP, coa ben pagada axuda de determinados medios sistémicos dispostos a colaborar no novo adoutrinamento sen o menor recato).

Te puede interesar