Opinión

Non hai doce sen trece (primeira parte)

“Y ya entran nuestros héroes en la Historia / esgrimiendo la justicia inexorable / con mosquetes cargados de victoria / con espadas de acero inoxidable.” 

(Ya el sol se asomaba en el poniente, Les Luthiers).

Hai que di que, como consecuencia dos resultados electorais do 12X, Galicia vén de convértese, unha vez máis, no preludio do que os sistémicos puros e duros, emulando a aquel Borbón francés, resumirían coa sentenza “Madrid ben vale unha misa”, para deixar constancia de que iso que os homes de Estado denominan interese xeral (que sempre é o menos xeral dos intereses) non sucumba mercé á súa abulia habitual. É evidente que non é a primeira vez que lle damos a maioría absoluta a Feijoo para que evite que os intereses galegos prevalezan sobre os do Estado; mais o domingo pasado talvez lla deramos para que o faga sen máscara, e así poder presentala como o salvoconduto que lle permitirá -agora si- a entrada triunfal no “paraíso do centralismo”, nesta ocasión co argumento supremo de levar a bo porto a gran coalición PP-PSOE, que don Alberto non deixa de propor cada vez que ten ocasión, tan necesaria para que a «España una», non tan grande e menos libre, sacuda a poeira separatista e comunista que acotío abafa o seu ser. Por iso non se esqueceu de lembrarnos, no discurso da vitoria, que el era o representante do Estado en Galicia. Iso si, omitiu adrede que os homes de Estado onde deberían estar, para cumprir ben os seus designios, é na capital do Estado.

Nesa mesma liña argumental, tamén hai quen di que o PSOE de acá, sempre tan disposto a escribir a historia coa caligrafía que lle gusta ao de acolá, como se empeña en insinuar o propio Caballero para non ter que dicilo expresamente, seica non se esmerou moito na tarefa de esfandangarlle o éxito ao dos Peares, quen non perde ocasión para practicar o español e mesmo ir apagando o pouco acento galego que lle queda, a fin de que o entendan perfectamente na capital do reino sen ter que botar man dun intérprete.

(O meu tío Lisardo pensa que só resta, por tanto, que os leriantes madrileños e compañía reciban as ordes oportunas da autoridade competente, para pór en órbita o ciclón que non deixará de soprar ata arredar cara a beirarrúa ao tal Casado e sacarlle a chambra definitivamente a Pablo Iglesias, a fin de que Pedro Sánchez e Feijoo -ou Feijoo e Pedro Sánchez- salven a España da hecatombe.)

Te puede interesar