Opinión

O contexto que nos esmaga

“Pola noite, a través do cristal da porta, podo ler o rótulo luminoso de Pompas Fúnebres. “Se ruega hablen en tono moderado para beneficio de todos”. 

(Que me queres, amor? Manuel Rivas).

Os procesos electorais celebrados recentemente en Galicia, amais do seu obxectivo propiamente dito, valeron para despexar algunha incógnita importante, mais fican no aire varias ecuacións e sudokos, cuxa solución é complexa, mais deberían atopar unha resposta canto antes, a fin de que a cidadanía saiba a que aterse nos tempos que se aveciñan, se queremos que este País, en perdurábel estado minguante, se imbúa en propostas políticas, capaces que mudar este devalo que nos vai enfiando cara unha escuridade irreversíbel.

Podemos e debemos presumir de que nos concellos galegos non entrase a extrema dereita. E tamén de que outros, aos que lles repugna o afianzamento das nosas sinais identitarias ou a defensa da universalidade dos servizos públicos, alcancen unha representatividade insignificante. Vox pasará catro anos con cero representantes nos concellos galegos, a presencia de C's merece ser cualificada de simbólica e o PP deixou de ser o rei do mambo para converterse nunha forza tan vulnerábel como outra calquera, nun Estado formalmente democrático. 

Podemos e debemos gabarnos de que o nacionalismo regrese a tódalas cidades e ás vilas grandes. O BNG, malia non incrementar os apoios de 2015 estará presente nas corporacións urbanas, e iso consolídao como a principal opción política propia. Mais fáltanos saber se é posíbel conformar unha estrutura organizativa que, aínda que sexa transitoriamente, vala de refuxio para un significativo número de nacionalistas que carecen da ansia necesaria para regresar á casa común.

Ah! O meu tío Lisardo pensa que se, por un casual, Feijoo decide sacar a concurso a praza da presidencia da Xunta, porque se aburre ou porque lle dá a gana, sería de-sexábel que o nacionalismo tomara en serio a súa obriga de disputarlle o posto ao PSOE ou, cando menos, de entrar canda este pola mesma porta. Hoxe por hoxe, malia as aparencias aritméticas, non hai garantía de nada. Por tanto, se por culpa do nacionalismo a seguiran ocupando os herdeiros de Aznar, sería algo imperdoábel. Vaque si?

Te puede interesar