Opinión

Unha ovella na tulla do diñeiro

Outros haverão de ter, / o que houbermos de perder .(Fernando Pessoa,do poema Os colombos, Mensagem). 

Os fabricantes de alcumes acordaron poñerlle Laluna. Foi pola ladaíña enfática e reiterativa coa que sempre coaroaba as falas e as chácharas na taberna: “me cago en la luna!” Ou, ao mellor, foi polos modos e actitudes máis propias dun lunático ca dun tipo cargoso e repugnante. Marcial, o Laluna, era un torturador nato do seu propio corpo, un parvo irredento capaz de traballar de sol a sol, imbuído por unha cobiza inigualábel; era unha acémela ou besta de carga gurrona; unha máquina de amasar fortuna e fartura para azacotar os díxitos das contas bancarias; era o devoto teimudo dunha deusa rabiosa que o trataba como un escravo. Un babeco con maiúscula, iso é o que era o Laluna. Mais, sempre hai unha ocasión na que os apaiolados tamén son capaces de pariren ocorrencias atinadas. Iso acontece cando panocos como o Laluna se atreven a domearlle a crista aos presumidos que agroman como estrugas sañudas dende o fondo das latrinas, onde se cría o fedorento cheirume que a miúdo nos abafa.

Falamos dos tempos pretéritos nos que os bancarios, malia zugarnos o suor e baleirarnos a carteira, aínda respectaban á clientela. Un día de feira o Laluna entrou na sucursal do banco, turrando dunha ovella vella atada cun vencello, disposto a depositar os cartos do año que vendera. Ao avistalo, un dilixente empregado, créndose o dono da tulla do diñeiro, saltou enfurecido por riba da mesa, decidido a pararlle os pés aos excéntricos visitantes. A perica, asustada polo barullo, pegou un brinco e foise entallar entre as pernas daquel estúpido sentinela, mentres esparexía as pallas do vencello, ao tempo que entoaba un “bee” intenso e adoecido. O director, ao escoitar aquel sonido inusual, saíu do despacho ansioso de saber o que acontecía e, nun santiamén, ditou a sentenza inepelábel: “Este señor pode entrar no banco cuando quera e con quen queira. Bo día, don Marcial!” (Aquel fulano debía ser o único no mundo que trataba de don ao Laluna. E a el gustáballe, vaia se lle gustaba!)

Ao saír, o da ovella cruzouse cun veciño e detívose para falarlle do bo trato que lle dispensara o director do banco, mentres o outro lle cortaba a mexada en seco: “Nunca agardes nada dos que atan os bolígrafos con cordelas, como se fosen cuxos bravos”.

(O meu tío Lisardo bota de menos os tempos nos que os arrieiros dos cartos che desplumaban a pelica -como fan hoxe en día- mais daquela había ocasións nas que te trataban como se ti foses o dono do teu propio diñeiro.)

Te puede interesar