Opinión

Pintamos algo no mapa?

“Dixo que a pasividade, como a submisión, era a actitude que correspondía ós pobos en decadencia, ovellas indefensas agardando a chegada do lobo. E o lobo estaba alí, oculto entre todo,disfrazado incluso de alma bendita, predicando a bondade, a tolerancia e a comprensión para debilitar a capacidade de resistencia e a fortaleza das súas víctimas.” (Deus sentado nun sillón azul, Carlos Casares). 
Malia que os da outra esquina da península andan ben encerellados co asunto do referendo, Puigdemont aínda ten vagar de pórse de acordo con Urcullu en “manter unha relación periódica para abordar conxuntamente o obxectivo do recoñecemento da realidade plurinacional”. Esta cadencia de sintonía entre Catalunya e Euskadi, por mor da empatía reivindicativa da condición nacional, debería inxectarnos aos de aquí doses de ledicia. Mais tamén merece ser causa dunha fonda preocupación e sisuda mea culpa dos nacionalistas galegos, xa que ámbolos dous líderes denotan ter claro que, a noutrora necesaria presenza de Galicia nese club, non é condición sine qua non para a procura dos seus obxectivos. Cada día que pasa e cada paso que dan evidencian que, para debuxar o mapa das nacións do Estado español, o branco e o azul xa non son cores imprescindibles. 

Porén, se tiveramos a modestia de analizar con rigor o panorama, deberiamos concluír que os cataláns e os vascos perderon definitivamente a ansia de contar connosco para proseguir coa súa andaina. E non por soberbia ou prepotencia, senón porque o noso desleixo e a preguiza intelectual só nos permiten gastar a escasa listura que posuímos en facer méritos para abdicarmos da natureza de nación, amais de esquecernos de porfiar por desexables e necesarias cotas de benestar, cada vez máis minguadas por esa causa, pola imperdoable renuncia a gobernarnos a nós mesmos.

Velaí o dilema da nosa malura endémica. Ou a curamos con remedios caseiros ou renunciamos á nosa existencia como pobo. Ou os sanedríns das organizacións políticas galegas deixen de ser tan gabanciosos e presumidos, de comportarse coma auténticos machos alfas dunha comunidade en proceso de exterminio, de perder o tempo matizando ou definindo as parvadas que os diferencian; ou se esforzan en buscar acordos na abundancia das coincidencias, verbi gratia, na celebración conxunta do Día da Patria Galega ou nunha urxente teimosía por alcanzar maior grao de autogoberno. 

Ah! O meu tío Lisardo sinte tristura e preocupación, non só por esa pose, talmente tolleita, dos caporais do chintófano, senón pola pasividade e compracencia dunha militancia mexericas e submisa que, no canto de esixirlle a mudanza do comportamento rosmón e apoucado, confórmase con aplaudirlle as parvadas e estulticias, que xa comezan a ser tan aborrecidas como a praxe neocentralizadora de todos e cada un dos partidos de obediencia madrileña.

Te puede interesar