Opinión

Plátanos e extraterrestres en Vilaferida

Bajo este cielo nórdico nacido, / Cuya luz es tan breve, e incierta aun siendo breve, / Apenas embeleso estival lo traspasa y exalta / Como a su hermano el plátano del mediodía / Sonoro de cigarras, junto del cual es grato / Dejar morir el tiempo divinamente inútil.(El árbol, Luis Cernuda).

A pesar dos negros nubarróns que escurecían unha atmosfera inverniza e apesarada, todo nos fixo pensar que íamos ter un día coma outro calquera en Vilaferida. A xente saía da casa con normalidade e cunha parsimonia excesiva, case preocupante, e marchaba sen tino cara un lado ou cara outro, imbuída por esa monotonía cotiá que nos fai a vida máis levadeira, aínda que nos vaia embobando e aparvando inexorablemente. Malia non ter présa nin rumbo fixo, os paseantes áin co papo ergueito, e se algúns camiñaban encollidos era porque na Limbia os invernos son duros coma a fame e, se por riba xea, o tempo faise implacable e o frío acábase metendo na miola dos ósos, rubindo polas entrañas arriba, ata acabar conxelándonos o mesmo pensamento.

Pero o sosego sempre dura pouco. Aí cara a media mañá, na Praza do Espadón, fóronse armando camarillas talmente alarmadas polo feito de ver como as pegas voaban adoecidas e cacarexasen con vehemencia no ceo de Vilaferida, malia non haber defunto na vila. As sospeitas e as desconfianzas de que algún gafe podía toller o día non tardaron en atopar o seu fundamento.

E, meu dito meu feito. Sóubose máis tarde que ilustres persoeiros –unha conselleira, un alcalde e outros tres propios- aterraron talmente desnortados na Avenida da Ignominia, decididos a converter a xornada no gran día das chambonadas, por mor desas ocorrencias arrepiantes que ás veces adoitan, sen permiso da cabeza, os que están afeitos a entender que mandar consiste niso, en facer o que lles peta cando lles dá a real gana.

Ou, quen sabe!, ao mellor todo é máis sinxelo, e se cadra o que acontece é que hai mentes reviradas que son así, tal e como parecen. Primeiro quécenlle os cascos, despois derrétenselle as teazas dos miolos e finalmente, zás!, férvelle o pensamento e, no canto de bafo, sáenlle pola boca ocorrencias adobiadas con estampas horrorosas que acaban sendo pintadas nos mapas, delineadas nos planos, escritas nos papeis con , sumadas nos pormenores orzamentarios, reflectidas nos proxectos e, finalmente, executadas na puta realidade, sen sermos capaces de decatarnos como todo aquilo que nos pertence fica aniquilado nun santiamén, mercé ás insensateces dos que lles importa un carallo iso que lle chaman pudor e respecto.

- De donde salen tantos pajarracos?, preguntou a conselleirra. 

Son pardaos que se agochan nos plátanos, respondou o alcalde. 

- Son estorniños, dixo un dos acompañantes con pinta de enxeñeiro, ou algo así. 

- Estou seguro de que eran pardaos, replicou novamente o alcalde. 

- Pero...

- Nin pero, nin pera! Dixen que eran pardaos, joder!, porfiou cabreado o primeiro edil. 

- Pues, si el alcalde dice que son pardaos, son pardaos y ya está, terciou a conselleira. 

- Eran pardaos os primeiros e estorniños os outros. Hai ben deles dos dous, señor alcalde, e non fan máis que cagar todo. A mín téñenme o corredor feito unha auténtica latrina, dixo unha veciña, ataviada, cunha bata de casa de cor azulado, que andaba a pasear o cadelo e levaba un bo rato tratando de entrar na conversa dos ilustres visitantes.

- Y ese cantar tan iracundo?, preguntou novamente a conselleira, despois dun espertigo. 

- É unha péga que se acaba de espantar do niño que hai naquel plátacno. Cacarexa como se fose pasar algo grave, dixo o acompañante con pinta de enxeñeiro, ou algo así. 

- Una qué?, pediu aclaración a da Xunta. 

- En español le llaman urraca, señora. Y dicen que es pájaro de mal agüero, aclarou o políglota con pinta de enxeñeiro. 

- Vostede cíngase ás cuestión técnica e deixa de trapelear, trapelo!, respondeulle o alcalde, con malas pulgas. 

- Bueno,... venga, vale. Hacemos la foto y nos vamos a tomar un cafeciño, concluíu a conselleira, mentre fretaba unha man contra a outra. 

- Pois póñanse aí!, comentou a rapaza da cámara. 

- Vostede arrédese unha chisca máis cara a dereita, señor alcalde.

- Aí está perfecto, senteniou finalmente a xornalista.

O retrato deixou o asunto listo para sentenza. Os ilustres visitantes da Avenida da Ignominia colleron o andante e, xa dentro do coche, a da Xunta sacou o móbil do bolso e marcou un número memorizado. Era o dun construtor de confianza ao que lle encomendaba que fose crabuñando as motoserras, engraxando as retroescavadoras e pondo o formigón a levedar, porque había que mudarlle a pinta a unha avenida, anacrónica e chea de estorbos, de Vilaferida, a fin de facer dela unha rúa moderna e normal. En fín, unha rúa coma as outras. E o mellor remedio para conseguilo é substituír medio cento de plátanos centenarios por outras tantas toneladas de cemento.

Corolario: Os plátanos seica simbolizan a sombra protectora que xera a sabedoría. Pero, a día de hoxe, aínda non coñecemos a árbore que procrea tanta estulticia na cabeza dos que mandan. No caso de Vilaferida, a estupidez que nos invade talvez sexa obra dunha caste de samesugas que medra no río do Escarmento e nos van zugando o pouco sentido de pertenza que nos queda, ata converternos en aborixes tan necios e tan parvos, que mesmo somos capaces de comportarnos coma extraterrestres decididos a estragar a nosa propia Terra.

Te puede interesar