Opinión

A preocupante parvidade que imbúe o galeguismo

Opinión

A preocupante parvidade que imbúe o galeguismo

Qual de nós pode, voltando-se no caminho onde não há regresso, dizer que o seguiu como o devia ter seguido?» (O livro do dessasossego, Fernando Pessoa)

Querido sobriño: Aínda que só fose durante o exiguo instante, no que arrincaremos a última folla do almanaque deste ano que desaproveitamos novamente, a pesar dos cargosos cacarexos dalgúns ruminantes da razón absoluta, as nosas organizacións políticas, as soberanistas –e nomeadamente a que hoxe goza da hexemonía– deberían reflexionar seriamente sobre a urxente necesidade de chantarlle cara ao exercito disfrazado de proximidade, mais con mando na capital do reino que, malia as calculadas manobras de distracción, ataca sen tregua as nosas fortificacións, cada vez máis depauperadas, armado coa revirada intención de borrarnos definitivamente do mapa, e non só no tocante aos elementos diferenciais que nos identifican como nación senón o que representamos fisicamente falando. 

Fuximos a unha velocidade vertixinosa cara ningures, obsesionados en alancar como cabalos desbocados por riba de nós mesmos, confundindo adrede os irmáns cos inimigos, e avantamos cunha présa teimuda e inexplicábel na procura do abismo, ladrando e ouveando uns cara os outros mentres unha Galicia talmente avellada, amais de minguar numericamente, vai perdendo estrepitosamente a frouxa conciencia e identidade galeguista que herdou dos devanceiros, porque os líderes políticos –ou mellor dito, os xefes– levan demasiado tempo agarimando o seu embigo e os dos seus incondicionais, esquecéndose de que as organizacións que representan son meros instrumentos, ata o extremo de facernos crer que eles e as súas camarillas son o fin en si mesmo. 

Ah! Os que nunca se molestan en ler a letra pequena do que realmente acontece deberían ir pensando en mercar unhas lentes de aumento para descubrir que se, nas vindeiras eleccións autonómicas, non hai unha coalición que aglutine as organizacións soberanistas e os que, sen militancia, son tan nacionalistas como os do carné, o galeguismo, ao mellor, vai ter que conformarse cun discreto cuarto posto, sen posibilidade real de inxectarlle unha mínima dose de país a un posíbel goberno alternativo. 

Bo Nadal! Lisardo Quintas Teixeira.

Te puede interesar