Opinión

Por que te vas, Alberto?

“Todas las promesas de mi amor se irán contigo/ Me olvidarás, me olvidarás/ Junto a la estación hoy lloraré igual que un niño/ Porque te vas, porque te vas, porque te vas, porque te vas” 

(Jeanette, Porque te vas).


Cando J.L. Perales compuxo “Porque te vas” para a cantante Jeanette, seguramente se inspirou na picardía de Feijoo. Cando Saura incluíu esa canción na película Cría cuervos, posibelmente sabía quen era Feijoo. E cando eses creadores pensaban no ‘gran salvador’, o dos Peares xa soñaba con Madrid. Alberto sempre levou canda el unha certa dose de pillabán. Hai xente á que a verdade seica lle causa un proído irresistíbel nos artellos encefálicos. Ao chegar a certa idade todos padecemos achaques e Feijoo, tamén. 

O noso presidente demostrounos o que xa sospeitabamos hai tempo: as trolas forman parte da súa xenuína idiosincrasia. Fartouse de lle xurar amor eterno a Galicia; mais, tal e como se están a desenvolver os acontecementos, imos ter que lle dar a razón aos que pensan que nesa relación nunca houbo máis ca sexo. Mais o que realmente lles mola aos que, como Feijoo, conseguen ser alguén nos partidos centralistas non é o sexo, é Madrid. Eu non sei o que ten a auga do Manzanares para facelos tolear tanto. 

Hai quen di que o acontecido naquel PP de Casado -e de Ayuso, claro- que nos últimos tempos se volveu tan bucólico, non é causalidade. Na vida, e na política especialmente, o casual escasea. Alberto posibelmente non acendeu o lume que lle chamuscou as illargas a Egea e Casado -e a Ayuso, tamén- mais o bafo que botaba cada vez que tusía, naqueles días de estío e noites de xeada, ía cargado coa bencina que tiña gardada dende a elección de Casado. 

Ao mellor só quería xogar cos mistos. Ao mellor. De acendelos xa se encargarían outros. En tempos de quenturas nunca escasean asexuados tertulianos dispostos a deitarse con Casado e erguerse con Feijoo, e sempre aparecerán media ducia de Morenobonillas dispostos a vender o cabalo. “Sabe facer as camas, cociña de marabilla, canta como un reiseñor, e... sabe asubiar e falar inglés”. A súa melodía gústalle a Pedro, a Felipe, ao xefe de Iberdrola, a un tal Ibex-35 e, sobre todo, aos tratantes que deambulan pola palestra da política, aos que van cos da feira e veñen cos do mercado. Gústalle a todos!

Percorrerá o mapa de España, competindo contra un contrincante fantasma, gobernará Galicia por teléfono e os galegos e galegas agardaremos sentados, sen sabermos se marcha para marchar ou se marcha para quedar. 

(O meu tío Lisardo leva uns días triste e adoecido, por atopar na vida tanto desamor. Tan ben como o tratamos, tanto como lle quixemos e, por falar o español con esa xente de Madrid, Alberto decide darnos plantón.) 

Te puede interesar