Opinión

Sente aqui, señor!

 Ignoro que lugar é este onde me atopo / cos meus ósos e os silencios das palabras. 

(Xela Arias, Denuncia do equilibrio).

Coa malura da pandemia, da zarapallada dos confinamentos edos toques de queda,coa lea dos achegados e co regreso da danza da polca aos boletíns oficiais, cústame ben lembrar a última vez que o vin, ata o punto de que xa non lle dou posto cara, malia coincidirmos tantas veces á mesma hora, durante máis de dous anos, ao pé da barra do mesmo bar. 

Antonte vin a Carlos e pregunteille por el. Díxome que leriaran algo hai cousa dun mes, ao cruzarse nas escaleiras do edificio, e que o atopara algo desmellorado. Ao parecer, Gumersindo –Gumer para nós, Sindo para os demais- estaba moi doído co novo xefe, un raparigo traxado con cabeza de bombilla que, amais de abafalo tódolos días animándoo a pedir a xubilación anticipada,optou por tratalo constantemente de vostede, como se fose un ancián. E Gumer, farto de advertirlle que a el de vostede non o tratan nin os fillos, non lle aguanta esa chulería disfrazada de boa educación. Fora mellor que lle espetara unha somanta de hostias antes ca tratalo así. Nin sequera lle mudou o ánimo cando se meteu na conversa, disposto a excitarlle aspapilas gustativas, aquel arrecendo da tortilla de pataca con cebola que lle estaba cociñando Lola, trinta e pico chanzos máis arriba.Gumer debe atoparsemoi amolado cotrato -o de vostede- que lle dispensa o novo director do bancoxa que, no canto de consideralo unha cortesía, estalle sentando como unha desas doenzas que fan avellar a calquera dez anos en menos dunha semana.

Ao velo tan desacougado, e sabendo como sabe que o tipo sempre viaxaen transporte público, tratou de alivialo como puido, mesmo sentenciándolle con absoluta contundencia: “Ata que, ao entrar no autobús, vexas unha señora que se ergue do seu asento para dicirche ‘sente aquí, señor’, non tes porque sentirte un vello”. Oconsellodo Carlos debeulle serremedio de santo porque Gumer seica se botou a correr escaleiras arriba, ansioso de saborear a tortilla que o agardaba no último piso do edificio.

Uns días despois, Carlos telefonoulle para saber como lle ía e, de paso, preguntarlle se xa atopara a señora que lle ofrecera o asento. A resposta de Gumer non se fixo agardar: “Non, aínda non a atopei nin a vou atopar, porque dende que me xubilei nin subín nin teño pensado subir ao autobús”.

(O meu tío Lisardo é dos que pensan que o mellor antídoto contra as maluras do ánimo nunca é o que che receita o entendido. Sempre é o que un mesmo é capaz de fabricar.)

Te puede interesar