Opinión

Tempos de pandemia

“A miña liberdade non existe e eu non son. / Son somente unha miga de esperanza”. 

(Antón Tovar, Calados esconxuros) 

Hai tempo que padecemos as doenzas constantes –e mesmo repugnantes– da acción política que opera no mapa hispano. E cústanos saber se a porfiona enfermidade é a causa ou a consecuencia da ofensiva cultural instigada polos amos do cotarro, transmitida por medios cada vez máis submisos e representada por unha tropa rancia que, por mor de ser herdeira ideolóxica do franquismo, xa se considera propietaria única e absoluta do Estado español.

Non só teiman e gurran para facer minguar os dereitos conquistados –para eles, concedidos– senón que, ao ritmo que nos marcan, desmandándose acotío por riba dos límites de velocidade, obrígannos a ir renunciando aos elementais estándares de calidade democrática, a fin de que a situación creada lles vala para impoñer un clímax axeitado, onde poidan apoderarse dos escasos espazos que deberían conformar, cos matices que se queira, un comunal indiviso e compartido.

Aos poucos días de coñecerse unha das tantas argalladas das cloacas do Estado –a que lle armaron a Podemos, verbi gratia– o tal Mañueco adxudícalle a dedo os incendios aos ecoloxistas e Vox bótalle a culpa aos sindicatos e, mentres entre ambos bailan o arrimado, para intimar contra a violencia de xénero coa “lei de violencia intrafamiliar”, mentres o troleiro maior do reino, Feijóo, se pasea polos medios chamándolle aos outros polos alcumes que el leva tatuados no papo.

Non nos enganemos, non hai diferenzas substanciais entre Feijóo e Abascal. Vox ten a patente da multicopista de panfletos reaccionarios e préstalla gratis ao PP para, xuntos ou discretamente distanciados, coa axuda de altofalantes afíns, encher as palestras e as páxinas dos boletíns oficiais de chapapote escorregadizo, co que irán construíndo unha rede de corredoiras angostas, repletas de curvas e contracurvas nas que a única saída posíbel é espetarse contra as barreiras, ou tirarse polo precipicio do silencio.

E, no entanto? Camiñamos ranqueando, coxeando cada vez máis, mercé á debilidade muscular que o PSOE e Podemos, e talvez os partidos nacionalistas de esquerda, axudan a implementar, no canto de buscar o antídoto que nos permita reconquistar as liberdades, a convivencia, a calidade democrática e os dereitos sociais que os outros abafan cada día, sen tregua.

[O meu tío Lisardo opina que, se somos quen de soportar quedos este cambio climático abrasivo, pronto nos queimarán, amais da pel e sen que nos decatemos, a pouca capacidade de pensar e reivindicar que nos queda posuímos] 

Te puede interesar