Opinión

Un País que se esvaece sen remedio

“¿Cómo direi Galicia / para que me entendan? / Estás nas fouces, nas eixadas, / nas picarañas, nas lareiras, / estás nas dornas... Ai qué berces / onde Galicia vai e nunca medra” 

(Arredores, Antonio Tovar)

Por moito que chanquee, o señor Feijoo, malia aparentar que ouvea cara o desabafo da temperanza, amais de ser o natural arremedo de Casado é un deses pillabáns que, como diría o meu tío, «con xente así, cafés os que queiras; tratos ningúns». Iso si, talvez lle axude algo a perseverante parvidade que levamos agarrada ao pescozo os pasmóns da progresía, cada día máis empeñados en seguir pacendo nos cadabullos da inopia. 

E, é neses lares onde o mestre da picardía zoupona aproveita o principio gastronómico, “quen paga manda”, para indicarlle aos chafallas da “nouvelle cuisine” as especias coas que deben adobar os potaxes –léase, enquisas electorais– para facerlle engulir gato por lebre a unha clientela dotada de padais sen papilas gustativas, que acabará co estómago revolto e coa cabeza ateigada dos paxariños causantes de alucinacións que só aquedan cando ao chegar o desvarío. 

Detrás das últimas enquisas, meticulosamente ilustradas con estampas de brillantes cores polo xornal de confianza do Excelentísimo Pillabán, agóchase unha despensa enzoufada de tonalidades engaiolantes, capaz de apampar tanto a seareiros como a contrarios, todos adoecidos por gabar, antes de probalo, o menú que cociñan os “si wuana” de Feijoo, para facelos pensar que, como non o pagan ao contado, nunca lles pasarán a factura. Pobres ilusos!

En resumidas contas, á vista dos antecedentes históricos e dunha razoable e alxébrica análise dos datos dispoñíbeis, todo parece indicar que, detrás do aparente empate técnico que nos debuxan de cara as vindeiras autonómicas, non deberiamos descartar unha nova maioría (absoluta?) do PP, escoltada por Vox (por se acaso), adornada cuns mellorábeis resultados do PSOE e serias dúbidas de quen ficará por diante, o BNG ou UP. 

Ah! O meu tío Lisardo é dos que pensan que o único antídoto, capaz de derrotar ao PP, para darlle paso a un goberno que mire cos dous ollos cara o País, é unha cooperativa galeguista onde o BNG, sen renunciar á hexemonía, asuma a idea de que, se non conta con todos, non hai nada que rañar. Vaque si?

Te puede interesar