Opinión

Unha muller confinada no supermercado

“Tenho mais pena dos que sonham o provável, o legítimo e o próximo, do que dos que devaneiam sobre o longíncuo e o estranho”. 

(O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Ao saír da casa enfiei a andaina coa natural monotonía dun antonte esquecido, como se aínda vivísemos nun mundo real. Mais, a escape me sentín furiosamente perturbado, teimando por escapar daquel estraño proído, invisíbel e porfión, que non deixaba de aguilloarme o ser. Tal desacougo inoculoume nas pernas unha présa innecesaria que me apurou máis da conta cara a porta do supermercado, mentres embobaba a mente repasando a lista do que debía mercar para resistir uns cantos días, sen apalpar e mesmo sen ver as cores do mundo. Ao abrir os ollos decateime que aquela atordada ringleira de xente –adobiada con máscaras e luvas de plexiglás– sen pinta de camiñar cara a algures, invadindo un bo treito da beirarrúa, non facía outra cousa que non fose gardar a rolda para ir á procura de provisións. 

O seco espertigo que me apertou a gorxa, encargouse de avisarme que estaba a piques de facer estoupar aquela inaudita harmonía silenciosa. Ao gañar a volta, en busca do final da cola, avistei acolá atrás a Concha do Lapadoiras, e dixen contra min: “Qué virá pintar a Concha a este supermercado, tan lonxe da súa casa?” A medida que ía indo cara o lugar que me correspondía decateime que, malia ser cuspidiña, ata na roupa, non era a Concha. Era outra. Aínda así pensei: “Unha que tanto se parece á Concha, debe ser tan lista como é ela. Ou máis. Case a vou seguir, a ver se aprendo o que cómpre saber, á hora de mercar viandas nestes tempos de confinamento, de desacougo, de negror perpetuo”.

Entrei detrás daquela muller, calado e gardando a distancia. O primeiro que fixo foi agarrarse ao carro, un dos grandes, naturalmente. Eu, malia ser máis partidario do pequeno, collín outro como o dela. Andou cara os estantes do pan e, despois de apalpar mil pezas, cando pensei que xa se decidira, espeteille o ollo a un molete, e levei a primeira decepción ao constatar que arrincaba co carro baleiro. Ao chegar a carón das bebidas fixo o propio coas botellas de viño: primeiro mencía, despois godello e finalmente, ningún. Case me enfurezo, mais a curiosidade axiña me amansou o xenio. No lugar das froitas apalpou as laranxas, as peras, os kiwis... e, por fin, velaí a primeira escolla: unha bolsiña de cenorias. Dende alí marchou directamente á carnicería. Había tres diante, gardando a distancia, claro. E alá fun eu, tras ela. A cola medrou nun santiamén ata mesturarse coa da peixería, sen separacións nin rabos de gaitas. Cando lle tocou a quenda á miña mestra de compras, un diálogo case surrealista, entre ela e a carniceira, estivo a piques de crebarme os nervios.

-Outra vez por aquí, señora. Que se lle antolla agora?

-Mira a ver canto pesa aquel anaco de faldra.

-Un e douscentos escasos, querida!

-Éme moito. Córtame un quiliño algo abundante desa peza de redondo.

-Iso non é redondo, élle cadeira!

-Pois entón, pésame a metade daquel xarrete.

A rapariga dividiu a vitela en dúas talladas tan igualiñas, que mesmo parecían xemelgas.

-Cal quere? Eu non son capaz de distinguilas.

-Non sei cal escoller. Ponme o anaco da esquerda. Ou... senón, o da dereita. Non sei... se a ti tanto che ten, case levarei o da esquerda. Si, si, dáme o da dereita.

Mentres lle empaquetaba a carne, non puiden aguantar máis e entrei na conversa. 

-Ai!, hoxe si que é o meu día de sorte.

-E logo, señor?

-Pois porque eu botáralle o ollo ao cacho da esquerda e vostede optou polo da dereita. Vostede vai contenta e eu feliz. Que máis podo pedir! Grazas, moitas grazas!

Axiña presentín que a miña artificiosa ledicia a deixara coa mosca detrás da orella e, meu dito meu feito, mentres eu liquidaba as contas na caixa, aquela muller, tan parecida á Concha do Lapadoiras, saía tranquilamente polo corredor da entrada. Iso si, sen o xarrete e sen as cenorias, co carro totalmente baleiro, tal e como o collera cando entramos. 

(O meu tío Lisardo di que estes tempos de perpetua incerteza e alacráns dentudos están a amolecer inexorabelmente todos os nosos comportamentos, agás a teimuda incontinencia de irmos a diario bater a chanca ao supermercado, aínda que isto talvez sexa para poder deitarnos cada noite pensando que as consecuencias da pandemia só lle afectan ás cousas realmente insignificantes.)

Te puede interesar