Opinión

Se vostede o di, dito queda, señor alcalde!

Opinión

Se vostede o di, dito queda, señor alcalde!

“Hai unha parte do corpo humano que se está pondo de moda: os embigos. Tan de moda están que, hoxe en día, case todo o mundo ten un”. (Monólogos do rei das cousas pequenas, Luis Piedrahita)

Señor alcalde: Se quere presumir de ser intelixente, intrépido, íntegro e humilde, non vou ser eu un deses “tiquismiquis” disposto a furgar ou rebulir na súa bagaxe. 

Se vostede se considera intelixente, conte co meu “nihil obstat”. Mais, como esa xentiña da oposición non teñen outras cabras que gardar, hai veces que se lles dá por ir de tocagüevos. Así que, talvez debería levar no peto a correspondente acreditación, por se for mester espetarlla nos fuciños e poñer a cada quen no seu sitio. 

A ocorrencia de branquear o PXOM cunha segunda aprobación provisional –agora polo pleno– é unha idea fantástica. Claro, como legalmente un órgano municipal non lle pode emendar a plana a outro, os seus socios de goberno deberían tumbar o acordo que antes consagraron na Xunta de Goberno Local. Ai!, don Xesús, cantos desgustos. Vaia papeleta! Sén dúbida é vostede un intrépido do que non hai. Iso si, un intrépido que mastiga a casca (o procedemento) para que outros poidan zugar a polpa da castaña. O Dicionario da Real Academia Galega define integro, na primeira acepción, como aquel que conserva todas as súas partes; e, na segunda, como unha persoa de grande honestidade. Por tanto, se cómpre construír unha torre de oitenta plantas para axeitar a “paletada” de seis chabolas de dezaseis pisos, como lle debemos chamar a quen se esquece en seis meses do repertorio que interpretou durante dezaseis anos?  

E, finalmente, velaí o meu aplauso á súa ultima autogabanza: Se multiplicamos seis torres por dezaseis pisos o produto dá noventa e seis. Non obstante, vostede confórmase coas míseras oitenta plantas do “espantallo de Mariñamansa”. Iso si que é humildade! O demais son rabos de gaitas. Alomenos, mentres descoñezamos a medida da cintura e o nome do xastre que vai facer un traxe tan lustroso. 

Ah!, como vostede é moi amigo dos refráns, aproveito as festas do Nadal para regalarlle un que vale por dezaseis: Vaca gabada, leite nos cornos. E, xa sabe, se non lle gusta dispón de seis meses de prazo para cambialo na tenda de Groucho Marx. Fíxese no prospecto: “Estes son os meus principios, mais  se non lle gustan teño outros”. 

Que Dios guarde a V.I. muchos años. Lisardo Quintas Teixeira.

Te puede interesar