Opinión

21 días, 21 gramos

Non sei se tivo oportunidade de vela. Eu vina hai xa algúns anos e pode crerme que foi desas películas que non deixan a un indiferente, pola riqueza descriptiva que consegue sobre os amores e os temores máis internos da condición humana. Titúlase "21 gramos" e gracias a ela aprendín -aínda que sigo sen saber se é certo ou ben contado-  que eses 21 gramos é o que perde o peso corporal ó morrer ou o que segundo algunhas versións, ven a querer dicir que é o que realmente pesa o espírito -ou a alma- e que se vai co seu propio peso, cando o corpo queda inerte, sen máis nada.
Se non a viu -cousa que poño en dúbida- recoméndolle encarecidamente a súa visualización, se non no cine, que xa é difícil que a atope, cando menos nun plataforma deses que agora se nos meteron a todos  nas casas e, coma o can, xa forman parte da familia.

Lembrei esta película e, sobre todo, o título que a motiva, hai unha semana, máis ou menos, cando vin ó director xeral de política lingüística (o benquerido e vello camarada de ilusións e iniciativas culturais, Valentín García), nun centro escolar de Santiago de Compostela, acompañando a parte do seu alumnado e a representantes dalgunhas entidades culturais galegas, logo de ter conseguido o compromiso firme e debidamente asinado por todos eles, de que ó longo de 21 días -estas xornadas andamos cruzando o ecuador da iniciativa- falarían a nosa lingua cada día dende que se ergueran ata que caeran rendidos na cama.
Descoñezo o grao de cumprimento que teñen conseguido e o nivel de compromiso que cada un deles (en realidade foron catro centros de Santiago, Tui, Ourense e Monforte de Lemos) mantén hoxe en día e permítome aventurar que seguramente non lles está sendo doado seren fieis ó mesmo.

Tamén descoñezo (a próxima vez que teña oportunidade de estar con el, tratarei de preguntarllo) cal foi a razón cabalística que aconsellou a proposición de 21 días e non unha fin de semana ou dous meses,  por exemplo, o cal non me supuxo ningún obstáculo, nin moito menos, para felicitalo en silencio cando lin a nova -agora fágoo en público-, polo carácter novidoso e audaz da iniciativa. Sobre todo, cando os seus colegas de partido en Madrid comezan a poñer en solfa a política lingüística en Galicia, coma se aquí os galego-falantes utilizaramos o noso idioma por compromiso político e non por coherencia coas nosas raíces e coa nosa propia idiosincrasia, que a temos -e posiblemente a máis antropolóxica de todas- mal que lles pese.

Descoñezo esas dúas circunstancias. Pero non as preciso, porque eu mesmo elaborei unha fermosa concomitancia literaria, que lle entrego en carta pública de contado: Ogallá sexan 21 días, para que cada día prenda nun gramo de cada alma da mocidade galega unha inmensa catedral de palabras dese idioma que non será nada se os elos que o trasladarán ó futuro non o desexan.

Te puede interesar