Opinión

28/setembro/2006

Seguro que se lle pregunto a que dedicou o día 28 de setembro do ano 2006 -é dicir, pronto se cumprirán 13 anos daquela-, a non ser que a casualidade contabilizara un evento transcendental na súa vida, non terá o máis mínimo recordo dun día calquera -xoves, segundo acabo de consultar-, probablemente aínda caluroso, pero abrindo a porta xa a unha entrada paseniña no outono.

Os de Celanova, poño por caso, andabamos preparándonos para conmemorar o inicio dun ano xubilar, xa que logo no 2007 cumpriríanse -aí é nada!- 1.100 anos do nacemento do fundador, o bispo Rosendo Guterres, coñecido para a historia en San Rosendo.

Velaí un exemplo de pegadas de hemeroteca que permanecen impregnadas na memoria colectiva dun pobo e dunhas xentes, pero a non ser que lle tocase a lotería primitiva, comezase a traballar, celebrase algún tipo de cerimonia persoal ou familiar ou algo semellante -pensando sempre en positivo-, repito, probablemente aquel día teña pasado pola súa vida "nin fu, nin fa".

Non lle aconteceu isto, sen embargo, a quen daquela ostentaba o cargo institucional de delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez e a outros 10 profesionais máis (a algún deles coñézoo, de outros nunca oíra falar), ós que aquel día, por obra e gracia dun denunciante -que tampouco coñezo e que supoño que hoxe terá cousas sobre as que reflexionar- se lles abriu unha porta máis grande cá do inferno da Divina Comedia de Dante e que os fixo transitar por un túnel escuro que eu non lle desexaría pasar ó meu máis enconado inimigo.

Case trece anos, ou o que é o mesmo 153 meses, que veñen a ser, nas contas da vella, máis de 4.500 días coas súas noites engadidas nas que todos eles tiveron moito tempo para pensar. E que será de min a partir de agora? E se encaro este proxecto persoal ou profesional, tereino que abandonar a medias? Que pensará de min a xente cando me cruce con ela? Creran a miña versión ou non me crerán? Pensarán que son un delincuente? En fin..., deixe voar a imaxinación e seguro que nin deixándoa completamente libre se achegará a unha mínima parte de tantas e tantas preguntas como se lle terán cruzado por diante da fronte a todos e cada un deles ó longo de todos estes anos.

Din que a xustiza, se chega tarde, non é xustiza nin farrapos de gaita e dáme a min que neste caso volvemos ser testemuños dun caso máis -e xa van uns cantos- que, como acabo de indicar, debería provocar unha profunda reflexión naquelas persoas que aquel 28 de setembro decidiron tomar o camiño do xulgado para solventar a carencia da acción política e, sobre todo, debería xerar un propósito de emenda no lexislador para evitar que haxa xentes que teñan que pasar por un calvario tal e que ó final non teñan máis dereito reparador có de recibiren  unha palmadiña no ombreiro e un máis ou menos retranqueiro: “Veña…, e non volva máis!”

Te puede interesar