Opinión

40 anos de cocido

O pasado sábado, un nutrido grupo de amigos -que vimos sendo como familia- e máis eu celebramos un ano máis unha cea que comezamos -é posible que non o crea- hai agora 40 anos!

Desta volta, redondeando fomos vintena, cifra esta que se ten vido mantendo, ano tras ano no tempo, con pequenas fluctuacións numéricas en función de como foron evolucionando, tanto dende o punto de vista individual como colectivo, as nosas vidas.

Cando comezamos eu creo que a inmensa maioría estabamos sen traballo porque practicamente todos -e todas- andabamos en diferentes fases de estudo. O motivo de por que eliximos o día 28 tampouco o temos claro. O que si temos claro é que dende a primeira cea sempre pedimos como menú, cocido.

É dicir, que levamos 40 anos comendo cocido tódolos días de Santos Inocentes, sen que nos cansaramos, nin uns dos outros, nin tampouco do cocido. Que xa ten mérito!

Non podo negar que, coma na vida, a travesía tivo altos e baixos, idas e vidas, entradas e saídas, porque senón no canto da vida sería o paraíso e iso quereria dicir que non estariamos aquí para contalo.

Nunca nos tocou a lotería, pero mentiría se dixera que nos ten ido mal de todo, pois o que máis e o que menos ten un certo grao de recoñecemento no seu ámbito social e profesional, e aínda que nalgún intre chegaron a colocarnos na res -coma o monicreque dos santos inocentes- algún alcume colectivo, creo sinceramente que entre a tribo o noso clan non, nin moito menos, mal visto.

Na inmensa maioría dos casos tampouco tivemos que emigrar, cousa que evidentemente ten favorecido este encontro anual. Os que mais, andan pola Coruña e Santiago ou por Madrid, agás o máis viaxeiro de todos, que un día chegou a Nueva York e dixo: "Menudos canastros hai nesta aldea!" E por alí anda, deixándose caer de cando en vez polo Nadal para cantarnos o "Merry Christmas".

O restaurante onde lle demos inicio a este rito parafamiliar xa non está. Mellor dito, estar si que está, no mesmo edificio da "Calle Arriba", pero pechado. Era o "Acebedo" e o Pepe e a Flora levan moitos anos xubilados. Agora imos a Vilanova, ó mesmo local onde eu fun de neno á escola. Xa ve, benquerido lector, como mudan as cousas en corenta anos!

O certo é que un mira para atrás e contempla, moi difuso, o inicio do camiño. Sen embargo, si ve que continuamos xuntos. Entón non se pregunta se será pola marmita castrexa do cocido ou por que, pero si que lle pide o corpo darlle gracias á vida no nome de todos por térnolo permitido.

Te puede interesar