Opinión

A caridade e o espectáculo

Hai uns días escoitei na radio como un xornalista deportivo chegou a ensalzar -case debería dicir louvar en sentido cristián, é dicir, elevar ós altares- ó seleccionador nacional de fútbol porque seica tomou a decisión de renunciar -en ningún momento especificou cara onde ía ser derivado o diñeiro que non fose para as arcas da Federación Española de Fútbol- ó 25 ou 30 por cento do seu salario co fin de solidarizarse co resto do país que non ten tanto "colchón" coma el para superar o andazo.

Chamoume a atención tan desproporcionada vanagroria porque, aínda entendendo que o diñeiro é lexitimamente del e non ten por que darllo a ninguén, evidentemente non é o mesmo que unha persoa que cobre o salario mínimo mensual decida entregar para a "causa" o seu 25%, que viría a ser en números redondos 250 euros, deixando 750 para el, ca que o selecionador entregue 250 mil dun montante total de un millón de euros, polo que lle quedan para pasar o ano outros 750 mil euros.

Veume esta nova á memoria despois de ter visto nalgures unha foto do alcalde de Ourense, acompañado do responsable de Cáritas, con dous arcóns conxeladores, fachendeando o primeiro de que acaba de mercar, con diñeiro "do seu propio peto", os dous electrodomésticos, dando por cumprido así o compromiso de colaborar co 30% do seu salario a unha "necesidade perentoria" que seica tiña a ONG episcopal.

Nos últimos días non teño seguido as redes sociais nada máis ca no indispensable, porque estas longas xornadas de recollemento obrigado interior teñen espertado en min unha necesidade de esparexemento e de desintoxicación co fin de poder saír desa espiral nociva na que supoño que a gran maioría nos vimos mergullados nas primeiras semanas, chegando case a un estado de parálise física e mental certamente preocupante.

Non teño seguido, polo tanto, as reaccións que ten xerado tal actitude -a do alcalde, digo-, pero supoño que serán máis ou menos do tenor das que teñen provocado outros anuncios e actuacións que ó longo deste ano -case- ten feito que a cidade de Ourense forme parte do bochornoso escaparate da parodia municipal nacional, para satisfacción do seu ego incombustible e vergoña propia -non allea- de tódolos ourensáns con catro dedos de fronte.

Vergoña me deu, pois, o xornalista, por elevar adorar o “becerro de ouro” do seleccionador e unha certa pena, ver, non tanto o alcalde -que xa é cousa coñecida-, como ó responsable da organización en pose fotográfica connivente coa autoelevación do ego supremo do alcalde ó campanario da caridade-espectáculo, que, como el ben sabe, é case equivalente ós sete pecados capitais xuntos.

Te puede interesar