Opinión

A estética e a razón

O que máis me desconcentra do denominado problema catalán (tamén ten mérito que un pobo, por culpa dunha parte, acabe sendo definido polo resto coma un problema) é esa capacidade que ten, precisamente esa parte, de querer facer todo de deseño, transformando a pretendida revolución sorrinte nunha continua “performance”, tan ideal como, ó meu ver, irreal, á fin e ó cabo.

Cando comezaron as primeiras manifestacións multitudinarias e os que non residiamos alá, aínda non tiñamos o coñecemento de determinados "elementos" de coordinación e enganche que agora coñecemos, a min comezoume a chamar poderosamente a atención a uniformidade que se conseguía para representar os símbolos, naquelas marchas das Diadas.

Que se unha inmensa frecha camiñaba soa por riba das cabezas dos manifestantes, ata chegar á meta da independencia... Que se unha inmensa bandeira estelada cubría a milleiros de manifestantes noutra xornada semellante... Que se ás 17,14 se facía un silencio ou unha pitada no Nou Camp... Cada vez que contemplaba algo disto na televisión ou noutros medios, eu preguntábame a min mesmo cando ensaiaban para que todos tiveran claro o que tiñan que facer e, sobre todo, cal era o papel que cada quen debería xogar en tan multitudinarias representacións.

Logo souben desas dúas macro organizacións culturais que se chaman Omnium Cultural e Asamblea Nacional Catalana e do mesmo xeito que che queda a cara cando Luís Piedrahita che descubre os segredos da maxia na televisión, así mesmo me quedou a min, ó decatarme de cal era verdadeiramente o "truco" onde se asentaba tan virtual uniformismo.

É certo que tódalas revolucións contaron con seus símbolos e mesmo algunhas chegaron a seren certamente estéticas para unha grande parte da sociedade da época, xa fose polo seu romanticismo ou polo carisma dos seus líderes, entre outros moitos factores.

Poñamos por caso, digo eu, a revolución dos caraveis ou -como non!- a revolución castrista, cos seus mozos barbados, fumando puros e cachimbas nas caixas das camionetas camiño da Habana, simbolizando no alborexar do ano o abrente dun novo día.

Velaí polo que creo eu que, nesa sorte de experimento de enxeñería social que sen lugar a dúbidas se está librando dende hai anos en Cataluña, os mentores do proceso lle están dando tanta importancia á estética dos símbolos, co fin de que precisamente a estética -o xogo bonito, que diría un futboleiro- e a emoción, non permitan que o colectivo afonde ó nivel do raciocinio.

Escribo isto despois de ver esa sorte de cela situada na praza Maior de Vic, para que os veciños "empaticen" cos seus líderes que están presos. E escríboo, porque se a "performance" permitira afondar na razón, se cadra a historia do independentismo en España ten exemplos –coma o zulo de Ortega Lara- que non convidarían a presumir de tanta estética.

Te puede interesar