Opinión

A lei do mecenado

Leo unha serie de reclamacións de represetantes de colectivos culturais da cidade que, a preguntas da xornalista, reivindican diferentes implulsos relacionados, loxicamente, co sector no que se moven cada un deles e que teñen todo o sentido, mergullamos como estamos nun estado moi próximo ó estado catatónico no tocante á xestión cultural, non só na cidade, senón -salvando algunhas excepcións- no conxunto da provincia.

Ven a conto, esta reclamación colectiva, da composición aínda non completada do novo goberno do Estado, que ten algunhas contas pendentes coa nosa cidade en concreto, a máis importante de todas, o remate, sen lugar a dúbidas, do Museo Arqueolóxico, sen desprezar o Arquivo Histórico ou o interminable remate do convento de San Francisco.

Xa dende unha perspectiva máis xeral, apuntan algúns dos meus colegas, a necesidade de que dunha vez por todas o Ministerio de Cultura -ou o de Facenda, se cadra- deberían tomaren a decisión de reducir o Ive cultural, dado que na inmensa maioría dos casos a xestión cultural móvese no ámbito do voluntarismo e do beneficio social e non economicista.

Pois ben, tomando como disculpa esta reivindicación, debo indicar que hai uns días, cando foi feito público o documento de medio cento de páxinas no que se recolle o acordo marco da aínda non-nata coalición gubernamental, tomei eu conta de mirar polo miúdo o apartado que tal acordo lle dedica á cultura (concretamente a cultura e deportes) e nada lin ó respecto reducción da tan devecida reducción do imposto do valor engadido, cousa que non quere dicir, nin moito menos, que non o vaian promover de aquí ós próximos meses ou ós próximos anos. Non hai que ser mal pensados, malia que si especificaron, sen embargo, a súa baixa nos servizos veterinarios e nos productos de hixiene feminina.

E co mesmo afán esculcador co que tratei de procurar tal decisión, tamén busquei -co mesmo éxito, por certo- se aparecía por algures a aínda máis desexada polo sector da Cultura, da Lei do Mecenado, que dunha vez por todas abra novas expectativas de xestión e fenda por fin as cadeas que as entidades culturais manteñen dende que os tempos son tempos, ó perverso e nada efectivo sistema de subvencións por concorrencia competitiva, ó que me teño referido nesta mesma columna en máis dunha ocasión.

Agardemos, pois, a ver se os novos tempos traen novos ventos e con eles novos sistemas de financiamento para a cultura. Agardemos...

Te puede interesar