Opinión

A praza prohibida

Hai anos a televisión galega instalou unha cámara web nunha das vivendas da cara norte da praza maior da miña vila, dende a que se contempla practicamente todo o espazo terreo cunha ollada panorámica cara o sur que permite contemplar parte da fachada do mosteiro e, se un lle coñece os xeitos, case recoñecer a calquera persoa que pase por diante do obxectivo.

Debido a esta circunstancia e, loxicamente, a gradual mellora da calidade de imaxe que pouco a pouco foi gañando co paulatino progreso tecnolóxico ó que ten sido sometida, isto fai que en termos porcentuais sexa unha das máis visitadas de toda a rede, xa que logo son moitos os celanovenses, fillos, netos e amigos de celanovenses  que a utilizan mesmo para se saudaren visualmente con eles, malia que agora, coas vídeo chamadas de whatsapp esta función vaia perdendo seareiros.

Non mo crerá, benquerido lector, pero pouco despois de ser instalada un meu amigo residente en Caracas puido ver a conducción e posterior saída do cadaleito da súa nai cando faleceu, xa que el non puido viaxar para asistir ó mesmo.

Outros conéctanse cando ven que hai -había- algún evento social ou festivo. E outros simplemente para saciar a curiosidade de ver que tal tempo fai nese intre en Celanova.

Pois ben, estes días de retiro forzado eu mesmo, de cando en vez, me fixen seu usuario por máis que a miña casa, polos atallos, non chegue ós dous quilómetros de distancia de tal punto.

O pasado venres -día no que tiña que ter habido a procesión do Santo Enterro- foi un deles. E fixen a conexión, precisamente, a esa hora do lusco fusco, cando o alumeado público comeza a substituír á luz do sol que se esvae por tras do monte da Obra.

Mire que, dende que o mundo é mundo para min, teño contemplado veces ese espazo e lle teño descuberto segredos e recovecos! Físicos uns, históricos outros, sensoriais os máis...

Sen embargo, non me digan como, pero ese día fun capaz de ver pasar por diante miña na pantalla do ordenador, o silencio. O silencio dunha triste Santa Compaña formada por esa sucesión de pináculos encadeados que tan pouca xustiza lle fan e tanto -e dende hai tanto tempo- a constrinxen.

Pensei, entón nas tres figuras que presiden a fachada do convento dende hai máis de trescentos anos. San Rosendo, San Benito e San Torcuato, ós que nós chamamos "os Tres da Praza", e pregunteilles: Que non teredes visto pasar por diante vosa ó longo desas tres centurias?

Silencio, é certo. Moito silencio. Pero unha praza prohibida...!!!

Te puede interesar