Opinión

A viga no ollo propio

Leo que nun polígono do concello de Carballiño acaban de roubar -certamente non sei como se lle pode chamar a iso- 125 toneladas en vigas prefabricadas de formigón, supoño eu que desas coma as postes que se atopan esparexidos por tódalas aldeas de Galicia para soster o alumeado público e outras redes de baixa tensión ou esoutras que se utilizan para a cobertura das naves de almacén ou semellantes.

Leo isto e nun principio pásame inadvertida información -é dicir, que non lle dou máis importancia-  porque entendo que, malia á dificultade de trasladar unha viga de tamaña dimensión e proporcional masa, é un episodio máis dos moitos que acostuman a sucederse ó longo e largo desta provincia cada vez  máis  avellentada, cada vez máis abandonada e cada vez máis esquecida.

Sen embargo, hoxe pola tarde, logo de rematar unha reunión, non sei como aboiou o asunto na conversación -se cadra porque dous dos contertulios eran do Carballiño-, cando comezamos a analizar como podía ser posible que alguén marchase con tal cantidade de material sen que ninguén se dese conta, un terceiro apuntou aquelo tan manido de "a palla no ollo alleo e a viga no ollo propio", que me fixo cavilar a min sobre a segunda parte do vello dito popular que tanto acerta en tantas ocasións.

Vexamos. Como acabo de escribir, formamos parte dunha provincia que socioloxicamente poderiámola enmarcar dentro do ámbito de tal adaxio, non en van levamos décadas mirando colectivamente para os de enfronte tratando de ver a palla nos seus ollos e sen embargo somos incapaces de vermos a viga no noso propio. E así nos vai...

Vemos a palla no ollo do noso veciño: "Mira ti, aquel, como vai...!" "Fulanito ou fulanita é tal...!" "Eu non sei como se atreve a saír así á rúa..." "Non hai máis cego ca aquel que non quere ver, nin máis xordo ca aquel que non quere oír...!

En fin, levantámonos pola mañá ollando para a xanela do veciños, a ver se se ergue cedo ("en que andará...?") ou se se levanta tarde ("non estará doente?") e ata que nos deitamos non deixamos de, no canto de vivir a nosa vida propia -coas súas miserias e as súas virtudes, coma as dos demais-, non paramos de intentar vivir a vida dos demais. E así nos vai...

Pois ben, así levamos toda a vida mirando se esta cidade ten tal cousa, se aquela provincia foi beneficiada con tal outra, se Santiago nos mira mal -eu adoito dicilo con certa frecuencia- e non logramos facer unha paradiña no camiño e preguntármonos sincera e criticamente se, para que todo siga como está, se cadra é que nós mesmos é posible que esteamos facendo algo mal.

É dicir, a viga no ollo propio. Esa que non só non nos deixa mirar, senón que tampouco nos dá pé para pensar.

Te puede interesar