Opinión

Acabar antes o que xa está empezado

Vexo unha información dos candidatos do Partido Popular ó Congreso e ó Senado con motivo dunha visita que fixeron a Lobios, na que afirman que reclamarán melloras nas comunicacións con Portugal e véñenseme á memoria unha serie de mensaxes que intercambiei a pasada semana cun vello amigo arraiano "mugueimés" -que me desculpe polo xentilicio- ó fío doutra información publicada tamén neste medio e na que alcaldes da zona alta das terras de Monterrei e dos municipios lusos tocantes con eles avogan pola apertura dunha comunicación rápida entre A Gudiña e o distrito de Bragança, Vinhais por medio, e o Parque Natural de Montesinho tamén.

Non sen denantes entender iso perfectamente -e solidarizarse, incluso coa súa reivindicación-, o meu amigo queixábase amargamente porque a nosa vida vai pasando -andamos pola mesma xeira- e aquela ilusionante expectativa que se creara cando aínda eramos novos e nas institucións de aquí e de acolá comezaron a albiscar a posibilidade real da apertura do denominado IC-28 portugués para unirse coa vía rápida da N-540, vainos ver xubilados, derreados e con caxata a ámbolos dous sen que poidamos contemplar sequera, sentados en calquera pedra, unha soa escavadora na estrada.

"Chama poderosamente a atención -reflexionaba el nunha das conversas- a posición do goberno galego en relación con este novo proxecto de construír unha autoestrada entre a zona oriental de Ourense e Tras-Os-Montes (150 mil habitantes), que dito sexa de paso teñen todo o dereito do mundo, logo de ter anulado outro proxecto que xa estaba en fase de execución -e con terreos expropiados, incluso-, como é o da vía rápida entre Verea e Arcos de Valdevez, que comunicaría a máis de 2,5 millóns de habitantes".

E non sen facer tamén un reconto dos anos perdidos en berros, esgotíos, oficios e reclamacións promovidos por plataformas populares e asinadas por milleiros de veciños da zona, colocou no medio da súa laiante elocución un argumento de aplastante lóxica que me gustaría que leran estes candidatos e os das outras formacións que teñen no horizonte o próximo día 10 de novembro, porque aínda que non sexa politcamente correcto -e menos en tempos de eleccións-, deberíalles axudar a separar o grau da palla e ser valentes á hora de apoiar unha ou outra decisión.

"Que acaben primeiro o que xa está empezado e logo que fagan o que teñan que facer!” E o que está empezado (é unha evidencia) e debería ser defendido por todos é a autoestrada AG-31, que comeza na A-52 en Taboadela e terá que rematar de vez en Ponte de Lima, na portuguesa A-3.

Te puede interesar