Opinión

Agora sí!

Non hai moito tempo que me fixen eco nesta mesma columna, dunha sorte de esgutío atronador que en resposta ás preguntas dun xornalista respecto das medidas que podían tomar as corporacións municipais para tratar de asentar poboación nos seus municipios, exclamou a xeito de berro seco un alcalde, asegurando que el xa tiña probado de todo sen conseguir resultados satisfactorios e o que non podía facer -tanto por idade, como por condición de xénero- era poñerse -literalmente- a parir.

Indicaba eu, con tal motivo, que tal como tiña demostrado o tempo, nin o agasallo dun chupete, nin un feixe de biberóns, nin sequera un cheque-regalo para comprarlle os pañáis á criatura ó longo dun ano, eran solucións para un problema de moitísimo máis calado có que podían abranguer cos seus brazos os 315 alcaldes e alcaldesas de Galicia e nin sequera os 8 mil e pico que se reparten por toda a xeografía española, por eles sos.

E continuaba a miña disertación -en certo grao repetitiva, coma as fabas mal cocidas- asegurando que a solución á crítica situación na que nos atopamos no tocante á decadente demografía que comeza a ameazar o noso equilibrio social, tería que vir -non tanto pola vía da técnica paritoria das coellas- como pola de recuperar poboación que aposte por vivir entre nós no canto de mal vivir en moitos casos -ou de viviren a desgusto- nos grandes núcleos urbanos  ou nas súas periferias, que aínda é peor.

De ahí que nantronte, cando lin as declaracións do presidente da Xunta logo da celebración do Consello de Goberno, no sentido de anunciar "impostos cero" para a xuventude galega, as familias numerosas ou persoas discapacitadas que decidan mercar unha vivenda para transformala en vivenda habitual nunha das case 3.500 aldeas galegas, nun puiden menos ca esgutiar eu tamén -para os meus adentros- un ¡agora si! que aínda resoa, cando escribo, nos meus miolos.

Sempre defendín que non había máis ca darlle un detido repaso á historia para encontrar a solución. Unha solución que tería que chegar pola vía da lexislación para facilitar a transferencia de propiedades decadentes ó longo -nalgúns casos- de máis de catro ou cinco décadas; pola vía da exoneración impositiva para poder acometer proxectos vitais neses lugares, así como pola vía da discriminación positiva no tocante ás axudas económicas para que a xuventude acabase decantándose por vivir no medio rural e dende o medio rural asentar un proxecto de vida, no canto de autoconvencerse para ir mellorar o inglés a unha pequena localidade calquera da Gran Bretaña e logo acabar servindo pintas ata a madrugada nun pub calquera ou facendo de "baby-sitter" nos arrabaldos de Londres.

Por iso digo, agora si!, presidente. Por aí se empeza. 

Te puede interesar