Opinión

Agricultura improductiva

Supoño que ó lelos así, de continuo, chamaralle a atención, xa que logo, ámbolos dous son conceptos antagónicos, non en van a agricultura ou é productiva ou non ten sentido ningún. É dicir, que ven a ser algo así como traballar simplemente para quentar o corpo. Ou, nin iso.

Malia todo, decidín titular de tal xeito a columna porque durante esta última tempada, poñamos os dous últimos meses por caso, cando saio a dar o meu paseo vespertino co Quino -que é o meu can-, adoito ver por aquí e por acolá ós meus veciños -xubilados, todos- co seu tractor e as cadeas da desbrozadora por tras, pasándolle o ferro ás súas propias fincas e, supoño que tamén, ás de moitos dos seus propios veciños. Eu mesmo, hai unhas semanas, tiven que pedirlle un favor anual a un meu amigo con tractor e coitelas de desbrozar, que viñera limpar unha finca dun meu primo que se atopa a carón da casa e na que xermolan as herbas malas e os saínchos coma se fosen sementados a caldeiros.

Adoitan seren sempre homes xubilados, xa sexan por traballados realizados ó longo da súa vida no seu entorno natural, xa sexan retornados da emigración europea ou americana que o primeiro que fixeron cando volveron á casa patriarcal decidiron mercar un tractorciño suficiente para arar algún que outro predio dos arredores hortifroitícolas da casa e poder sementar unhas patacas ou algún millo para que as pitas poidan regalar despois uns saborosos ovos coloradiños.

Cando a meirande parte deles eran novos e decidiron procurar o macuto e botalo ás costas para arrancar -vía tren, barco ou avión- cara Centro Europa ou as dúas Américas, os seus pais non tiñan tractor e quedaban co pano de despedida na man traballando no que historicamente lle temos dado en chamar agricultura de subsistencia.

Agora eu non sei como lle poderiamos chamar a este tipo de labor temporal que todo o mundo anda facendo dentro da franxa dos 50 metros de rigor que impuxo a xunta para que o lume do verán non chegue ás casas, o cal, no fondo -descúlpeme quen se poida dar por aludido- non deixa de desvelar unha dobre declaración de incompetencia por parte da administración toda.

A primeira é que por máis que haxa auténticos especialistas na xestión dos montes e do resto de terreo productivo, aínda ninguén deu coa pedra filosofal que solucione o problema dos incendios.

E a segunda é que ameazando con multas, o que fai a administración é provocar esta sorte de agricultura improductiva que non vai cara ningures, desbrozando, deixando crecer o ermo e volvendo desbrozar, coma o hamster cando camiña pola roda sen fin, pero aínda peor, pois o hamster consume enerxía e mantense en forma, pero non tira os cartos pola terra.

Te puede interesar