Opinión

Aldeas para vellos

Opinión

Aldeas para vellos

Odía 15 de abril de 2015 (agora é moi doado furgar na hemeroteca) escribín unha columna neste mesmo espazo que titulei -dun xeito un pouco provocador- "granxas de vellos" e na que, ó fío dunha información que aseguraba que a economía ourensá confiaba o seu futuro "á hostelería e ó coidado de persoas maiores", reflexionaba eu que se ese era o noso futuro económico, "xa lle podiamos comezar a rezar uns responsos porque o R.I.P. xa o tiñamos marcado na fronte".

Non abrín daquela, en sentido figurado, a porta de ningunha residencia en particular e, polo tanto, non me metín nas interioridades da atención que prestan, porque nin son un experto coñecedor deste sector e, ademais, era consciente de que, ó xeneralizar, podería correr o risco de ser inxusto con moitas que mantiñan e aínda manteñen un servizo con tódalas garantías, aínda que si sabía que o titular podía espertar algunha que outra alerta.

Pouco despois un amigo que sabe bastante máis ca min de economía, entre outras cousas porque é profesor universitario, abriume os ollos e ensinoume a ver a economía da terceira idade como unha oportunidade para esta provincia senil onde as haxa.

A sacudida actual coa que este microbio cabrón nos puxo a todos patas arriba, tamén abaneou os meus pensamentos e deume un empurrón máis a favor desa opinión que sostén que o sistema asistencial ás persoas maiores pode ser posiblemente un sector económico que axude a soster socio-laboralmente a nosa provincia.

Si, pero con condicións, diría. Pois se algo ten demostrado esta pandemia -e que me perdoen, por favor, todas as persoas que se dedican a esta función laboral en momentos tan difíciles- é que nalgúns aspectos aquela provocadora denominación non estaba tan desencamiñada.

Esoutro día o presidente da Xunta dixo que unha das primeiras consecuencias que habería que analizar a partir de aquí sería a necesidade darlle "unha profunda repensada" ás residencias de maiores, "comezando incluso polos edificios".

Sirva como paréntese -denantes de chegar á conclusión- que non contempla esta columna a atención a persoas con doenzas provocadoras dunha grande invalidez, que esas si precisan unha atención case hospitalaria.

Pero ás outras -que por fortuna son maioría- se lles preguntaramos onde preferirían viviren, seguro que serían maioría as que avogarían por residiren nunha aldea (descoñezo se existe algunha en Galicia), loxicamente con vivendas restauradas e acondicionadas para tal servizo, ca nunhas colmeas coma as que están servindo estas semanas para que o maldito bicho estea cebándose con eles.