Opinión

Ana e as empanadillas

Non é a primeira vez -nin supoño que vaia ser a última- que abordo aquí as miñas teimas culinarias. Teño un amigo que sempre me di que son un "repunante" para a comida. As miñas fillas tamén me din non se imaxinan como podería vivir se tivese que desenvolver a miña vida fóra da península ibérica, porque, cando deciden traeren algo un pouco exótico para a casa eu sempre lles digo que e non como "conachadas..." -o adxectivo póñallo vostede-, que eu son tradicional para isto da gastronomía e se me sacan do libro de cociña galega de Álvaro Cunqueiro xa empezo a ter problemas.

Hoxe, sen embargo, non vou escribir dos sabores que non soporto, senón todo o contrario, aínda que este "contrario" non faga máis ca referendar -debo recoñecelo- ese repunante que en cuestións gastronómicas levo dentro.

Estou ben seguro de que coñece a conciencia o sabor do producto ó que me vou referir, porque aínda que nunca o tivera na casa -cousa que me permito dubidar-, abofé que terá coincidido con elas, cando menos, nalgún aperitivo.

Estou mentando a esas pequenas empanadillas que se poden mercar en calquera liña de productos conxelados de calquera pescadería de supermercado e que, unha vez pasadas pola tixola, cómense coma quen come pipas, manises ou patacas fritas, deixando tralo seu paso polo paladar un lixeiro sabor a tomate, que é o único que debe levar dentro.

Pois ben, aínda que non o crea, eu sonlle un auténtico fan desas empanadillas conxeladas, ata o punto  de que, de cando en vez, adoito darme un festín delas á cea.

Isto sábeo moi ben a miña amiga Ana, da Casa Berta de Celanova, coa que teño desenvolvido xa un código de comunicación coa mirada, que me alerta cando entro pola porta e me fai saber algo así como "prepárate, que hoxe temos empanadillas".

Xa ve, benquerido lector, a veces que simples -e baratos- poden seren os pequenos praceres que axudan a xeraren complicidade entre as xentes e a forxaren afectos sen máis pretensións e profundidades.

Hai uns días deuse a casualidade de que a miña muller e máis eu estabamos de aniversario -cando tal xa tocamos cos dedos a medalla de ouro- e así que se fixo público na taberna, ela marchou para a cociña e pediu que nos fritiran unhas poucas que trouxo para a mesa case coma se fose a tarta nupcial que cortaramos no restaurante aquela noite de casal.

Non mo crerá, benquerido lector, pero ese día soubéronme a algo máis cá esencia de tomate frito porque viñan preñadas de afecto. E como non vin outra maneira de llo agradecer, hoxe pídolle permiso ó director do xornal que me dea licencia expresa para agradecerllo deste xeito.

Te puede interesar