Opinión

As sombras de Alexandro

A partir desta mesma semana, se vostede pasea con frecuencia polo centro comercial da capital ou, por un casual -se é que é de fóra-, lle coincidiu pasar por onde os capitalinos pasean o seu ocio cidadán de mañá ou polas tardiñas nestes día de alongada calor estival, é posible que se teña atopado cuns cubos instalados para seren contemplados onde se anuncia a próxima chegada dunha nova edición do festival internacional de cine de Ourense, que logo de ter salvado o "match point" do ano pasado, anda agora á procura de encarar o set final do futuro para devolverlle á cidade o marchamo do Festival de cine de Galicia que nunca debeu deixar de ser.

Se así o fixo ou posiblemente o vira nalgún muro compartido das redes sociais ou mesmo neste xornal, é posible que reparara nunha imaxe que non lle había pasar desapercibida como non adoitan a pasar as obras dos artistas con personalidade e trazo propio.

Son tres figuras sombrizas sobre fondo branco que este ano trazou Alexandro, co fin de recuperar o vello oficio cartelístico polo que ó longo das décadas, denantes de que o photoshop e outros programas de deseño gráfico colonizaran as nosas vidas, pasaron practicamente tódolos artistas plásticos de Ourense anunciando este ou aquel producto, este ou aquel evento, xa fose comercial ou institucional convertendo a cartelería informativa en valiosas obras de arte.

Son figuras que semellan sombras porque, que sería do cine sen as sombras?

Sombras que convertidas en espectros de lembranza nos fotogramas dos pioneiros do cine galego, como as de Chano Piñeiro e "Sempre Xonxa". Sombras que se perden polas tabernas case clandestinas e traxicómicas da Esmorga. Sombras que se alongan nas salas e que axudan a envolveren na maxia das vidas revividas ó espectador cinéfilo. Sombras, en fin, que sacoden o po do ambiente e que nos permiten camiñar polo transmundo cando unha boa película nos atrapa e nos traslada como protagonistas doutros escenarios e doutros tempos sen erguer a res do asento.

Sombras que nos convocan e que debemos de seguir sen inmutarnos porque reclámannos sempre para ben. Por iso debemos facerlles caso e, toda vez que o OUFF volve revivido e cheo de forza, non tería moito sentido que o fixera para que os amigos das sombras, que somos as xentes que gustamos do cine como unha das expresións comunicativas máis directas e unipersonais, logo deixaramos pasar a ocasión como pasa o tren pola estación sen nós subirmos nel.

Pero, isto será a partir do próximo día 27. Polo de agora manteñámonos atentos e deixemos que as sombras do Alexandro, simplemente nos vaian anunciando o camiño. O camiño das sombras, onde descubriremos novos mundos

Te puede interesar