Opinión

Así afogan o medio rural

Que a xente maior que vive na aldea é de madrugar abondo, é unha obviedade tan grande coma que os paxaros espertan coas primeiras raiolas de luz.

Sexa porque en moitos casos aínda viven co reloxo de sol que sinalaba as horas agrarias, no pulso e coas campás da igrexa parroquial que anunciaban o medio día xusto ó mediodía, na memoria, sexa porque, chegados a unha idade, o corpo non pide cama nada máis ca cando está doente, o caso é que calquera que teña por costume madrugar en lugares coma nos que eu vivo, é moi doado ver a homes ou mulleres que camiñan paseniño pola década dos 70 ou dos 80, ás portas dunha entidade bancaria, dunha farmacia de garda, da casa do Concello ou camiño do centro de saúde cando aínda algúns deses servizos nin sequera abriron as portas.

Describo este escenario a raíz da información que me forneceu un amigo e que, aínda que pareza mentira, eu descoñecía, entre outras cousas porque con iso da banca electrónica, das apps nos teléfonos móbiles, etc., cada vez é máis raro que acuda a unha entidade bancaria.

Resulta que me informa, o devandito amigo -preocupado coma poucos pola desertización humana do medio rural-, de que se alguén quere realizar unha operación bancaria con algún efectivo en practicamente tódalas entidades que teñen oficinas abertas en lugares coma a miña vila (imos deixar aberta a porta a algunhas excepcións), ten que madrugar por obriga e non por costume, xa que logo, o persoal das mesmas non ofrecen servizos deste tipo a partir das 11 da mañá.

Sorte que en Galicia o sol sae máis tarde ca no resto do Estado e, polo tanto, a madruga non é tanta coma, por exemplo en Barcelona ou Mallorca, que se non algúns para agardaren o taxi na aldea, cubriren o traxecto e achegarse á oficina, no canto de madrugar tería que trasnoitar, que é cousa ben diferente.

Entronca todo este relato argumental cunha noticia que lin hai tan só uns días e que, se a memoria non me traizoa, informaba de que arredor de medio cento de municipios galegos non contaban con ningunha entidade bancaria.

Velaí, pois, a estampa, o panorama propio -agora que ese dogma da "España vaciada" se está facendo famoso- e un botón de mostra máis de como os que teñen nas súas mans o factor se cadra máis importante para poder loitar contra o despoboamento -é dicir, o diñeiro- colaboran en apretar un pouco máis o pescozo da galiña afogada que é a vida no medio rural.

Si, xa sei que ata as 11 da mañá pódense facer moitas cousas... Pero é un símbolo máis. E como tal símbolo é unha obriga moral que os que temos a oportunidade de alzar a voz sen berrar o fagamos patente. E se nalgún intre temos que berrar, berremos, que por nós ninguén o fará.

Te puede interesar