Opinión

Así o sinto e así o escribo

Hai xa unha longa tempada que deixei de asistir conscientemente a actos que teñan que ver coa exaltación específica do idioma -da nosa lingua, debería dicir, mellor- e de seguido explico por qué.

Porque si, porque aínda que non o elixín formo parte desta terra, porque dende os meus ancestros ata os meus pais, toda a miña torgueira sempre se expresou en galego, é polo que nese mesmo idioma tamén me teño expresado ó longo de toda a miña vida -e no que loxicamente me sigo expresando- e polo que tamén llo transmitín dende que naceron ás miñas fillas. Podo dicir sen ambaxes, polo tanto, con plena consciencia, que son galegofalante e que vivo nun entorno galego falante, con total normalidade. Sen máis.

E cando digo sen máis, quero dicir que xamais o fixen por militancia ideolóxica cunha causa determinada, nin moito menos por militancia política. Fíxeno, ó principio de forma incondicional, por mera concatenacíon xeracional, e logo, cando tiven idade para elo, por mera consciencia coa miña condición de membro dunha colectividade cunha cultura de seu e cando a vida me deu descendencia por firme compromiso con esa inmensa obra cultural que é unha lingua, co fin de continuar a cadea e transmitirllo a través dos meus -mellor dito, das miñas- ás xeracións vindeiras.

Como consecuencia de todo isto, acabei defendendo causas públicas, participando en campañas de concienciación, asinando manifestos, participando -e incluso organizando- homenaxes, e loxicamente escribindo moitas columnas sobre o asunto. Ata que, pouco a pouco, o cinismo de algúns e a hipocrisía de moitos me levaron a plantearme que coño pintaba eu en moitos deses actos, ó comprobar con relativa frecuencia cómo líderes casteláns falantes -ou galego falantes de ritual- dunha ou dunhas determinadas opcións políticas acusaban por extensión a milleiros de galego falantes -polo mero feito de formaren parte doutra determinada opción política- de "galeguicidas", "enterradores do idioma", etc., etc.

Entón díxenme a min mesmo: "Piñeiro, tes que deixar de formar parte dese tiovivo no que todo xira ó revés". E paseniño, paseniño, penso que o vou conseguindo. Mantendo firme -iso si- o meu compromiso persoal, irrenunciable e intransferible co meu idioma.

E non me creara, benquerido lector, pero ese mesmo sentimento levo tempo experimentándoo, cada vez máis acentuado, agora no ámbito do lameiro político onde "niños bien" do franquismo -como Miguel Bosé- presumen de revidos socialistas evolucionando cara o sector dos cabreados antisistema.

Probablemente sexa forte o que vou dicir, pero así o sinto e así o escribo. E que me perdoe alguén se se dá incorrectamente por aludido a nivel persoal, porque isto é unha reflexión xenérica: Escoito declaracións coma as do cantante-burgués e case me dan máis noxo ca algunhas noticias sobre a corrupción que cada día nos enmerda.

Te puede interesar