Opinión

Bastante fixemos!

Ófío da resolución xurídica dictada esta mesma semana pola titular do Xulgado da miña vila, de deixar sen efecto o segredo sumarial do expediente relativo ó crime de don Adolfo -o tristemente lembrado crego de Vilanova dos Infantes-, unida esta á solicitude da Fiscalía de darlle carpetazo temporal ó caso, ecoan nos meus miolos unhas palabras pronunciadas por unha persoa que coñece a investigación, cando, aquela fría mañá do mes de xaneiro os dous detidos acababan de seren subidos polas escaleiras do antigo cárcere do partido xudicial de Celanova para lle veren a cara á xuíza e eu acababa de felicitalo pola daquela aparente resolución do crime.

"... Bueno -díxome-, nos tempos que corren, cos medios que temos e con cómo está actualmente a Xustiza, bastante fixemos...!"

Como pode comprender, benquerido lector, cando lle escoitei iso, cos dous incriminados a bo recaudo naquel mesmo intre, aquela resignada e contida exclamación sooume a unha non menos resignada modestia. Interpretación que evidentemente mudou de contado cando ás poucas horas -aínda non rematara eu de xantar- chamáronme por teléfono para dicirme que os detidos acababan de seren postos en liberdade condicionada pola devandita xuíza.

Non vou cometer eu a imprudencia temeraria de, sen ter lido a máis mínima páxina do expediente xudicial, pretender saber máis do asunto cá Fiscalía e cá propia titular do Xulgado celanovés. Ora ben, tal e como xa teño escrito noutrora aquí e facéndome eco, dalgún xeito, do pensar común das xentes de Vilanova dos Infantes e do resto das Terras de Celanova, todo canto leva acontecido arredor do tráxico episodio do asasinato de don Adolfo e da desaparición da imaxe da virxe do Cristal, está completamente atorado de signos de interrogación e de aparentes contradiccións que comezan a necesitar con certa urxencia unhas respostas que semella que se evaporan con senllas resolucións xurídicas.

Preguntas como, de qué xeito a Xustiza restituirá a honra de dúas persoas que sendo, polo que se ve, inocentes estiveron -e aínda están- expostas a xuízo público.

E contradiccións do estilo de cómo se pode entender que mentres a Garda Civil considera a investigación pechada, a fiscalía e a xuíza entendan que os mozos croatas non teñen nada que ver no asunto.

Non sei, pero dáme que, como tantas outras veces, alguén debería dar unhas explicacións que probablemente noutro lugar estarían sendo reclamadas na rúa.

Te puede interesar