Opinión

"Ben" de vir

Probablemente me teña acontecido outras moitas veces (di o dito, que non se trabuca aquel que non anda coas cousas) e incluso vostede, benquerido lector, teña reparado neles en máis dunha ocasión, sobre todo cando o galego que intento escribir -tratando de ser fiel á normativa oficial- adoito adobalo coa concesión de abondosas licencias coloquiais co fin de facelo máis mastigable ca se fose un mero producto lingüístico de laboratorio.

Pero a gralla que cometín o pasado sábado foi o suficientemente ampulosa e rechamante (non só polo erro ortográfico de seu, senón tamén por estar situada mesmo no primeiro parágrafo do texto) que non me queda máis remedio ca pedirlle desculpas polo respecto que lle debo súa atención, porque se somos permisivos cos erros do mesmo xeito que o estamos sendo ca comunicación nas redes sociais e nas mensaxes escritas, entón chegará un momento no que non nos diferenciemos e, como dicía meu pai, dará xa o mesmo xa pasarlle o ferro ó ovo ca fritir a camisa.

Explícome: Querendo escribir a conxugación "ven" de "vir", acabei escribindo "ben", que non está mal escrito en galego -de aí que non me saltara o colchón do corrector-, pero, como é ben sabido -nunca mellor dito-, quere dicir outra cousa.

O caso é que ó longo destes últimos días non foi o único erro que cometín, motivo polo cal tamén acabei pedindo desculpas, xa que logo, son dos que penso que honra máis unha humilde petición de perdón ca incidir no erro tratando así de ocultalo, como temos vido comprobando ó longo destas xornadas tan atípicas polas que estamos atravesando.

Neste caso o motivo foi a lectura dunha das ordes -en total 3- que publicou nantronte, domingo, o Ministerio de Sanidade, para explicarnos como deberíamos comportarnos socialmente nesta a primeira fase de preparación para o lanzamento social ó espazo aberto da rúa. No canto de ler a orde correspondente á apertura de locais comerciais para as zonas que iniciamos hoxe -onte, para vostede- a denominada no argot gubernamental "fase 0", resulta que lin a que facía referencia ás illas que xa pasaron á "fase 1" sen despeitearse e crin que os bares xa podían abrir as terrazas esta semana no canto de ter que agardar ata o próximo luns. Velaí que, cando me fixeron ver a equivocación, acabei "envainando" a lingua e procedín á voadura informática da entrada.

Nada comparado, sen embargo, con tódolos erros cometidos por uns e por outros (poñamos por caso os paseos de Rajoy ou as contratacións a empresas con domicilio descoñecido) no transcurso deste curso de mestrado acelerado que está cursando a nosa clase política -si, a nosa clase política, mal que nos pese, porque foi por nós elixida- dende os "idus" de marzo ata hoxe mesmo.

É certo que uns son bastante máis tolerables ca outros en función da intencionalidade ou da gravidade das consecuencias que leven implícitas. Eu puxen dous. Agora vostede pense nos que lle pete segundo lle escore a idea cara Laíño ou cara Lestrove.

Te puede interesar