Opinión

Se bende

Opinión

Se bende

Hoxe -onte, para vostede- vin na televisión unha información desas de peche de telexornal que reparou a miña atención porque, aínda que dun xeito máis humilde -xa se sabe que nos USA é todo ó grande-, vinme nela reflectido.

Resulta que un xornalista que prometeu que, se fallaba nunha información comería as súas palabras, ó ver ratificada a súa "cagada" decidiu colocarse diante dunha cámara e comer literalmente o papel que sostiña a errada información que escribira.

Pois ben, non mo creará, benquerido lector, pero eu nantronte, ó reler a columna do xoves, sentín exactamente o mesmo impulso có xornalista americano, sen saber aínda o que lle acontecera a el.

Resulta que, por máis que xa debería estar acostumado despois do milenario feixe de columnas que levo publicadas, cando vin escrito un "ven" de "vir" con "b" ("...ben a ser o mesmo...") ata me puxen colorado e pode crerme se lle digo que sentín como se unha multitude de lectores estivera fitando para min polos catro puntos cardinais e eu estivera no centro de tódalas miradas como a miña nai me trouxo ó mundo.

Si, é certo que no fondo é unha tontería, que os denominados "trasnos da redacción" xogan con máis frecuencia da desexada este tipo de brincadeiras, que tal como anda hoxe o patio da escritura non se lle pode dar importancia, que a xente agora non repara nesas cousas, que abonda con ler calquera mensaxe ou calquera comentario nun muro calquera do facebook para ver o valor que se lle dá a lingua escrita..., e todo iso. Pero a vergoña que pousou de súpeto e inundou de vermello as miñas fazulas ó ler aquel "ben" tan mal escrito, non ma quitou ninguén, de aí que aínda que ó final non decidira cear unha sopa coas 2.188 letras que contiña a devandita columna, decidira facer agora este acto de contricción público por tan imperdoable como infantil erro.

Gravarei, pois, a anécdota como unha pequena cicatriz máis das moitas que por moi distintos motivos provoca a escritura e aínda que sobre o capitel coloquei o cartel de "Se Bende" para que vostede reparara nel e soubese do meu "pecado" e da consecuente penitencia, e ó final se enfrascase na lectura como todos reparamos en calquera oferta publicitaria con algunha eiva ortográfica na que probablemente non reparariamos se estivese ben -agora si- escrita, non a vou vender, entre outras cousas, nin sequera alugala, entre outras cousas porque non mo permitirían nin o editor nin o director do xornal.

Feita a confesión e cumprida a penitencia, como agora din que nun atranco non hai que ver un problema senón unha oportunidade, quén di que calquera día non decida facer de certo unha auténtica sopa de letras (de pasta) e convidar a quen repare na próxima tacha.

Te puede interesar
Comentarios