Opinión

Benquerido “Pi”

Lémbroo coma se fose hoxe mesmo. Xa choveu. Vaia se choveu! Eu vivía daquela nun piso da avenida López Blanco da miña vila, agora rebautizada con outro Blanco, pero de nome Miguel Ángel, a quen Ourense -aproveito para dicir de paso- non ten aínda no estado de presencia social que ben merece.

Ti tiñas xa, daquela, un programa na radio galega, pero creo que foi outra emisora ou, cando menos, foi noutro programa da túa emisora onde te entrevistaron valéndose da túa condición educativa, porque estaba a piques de comezar, ou acababa de facelo, un novo curso escolar.

Isto que albisco a ver por detrás dunha nebulosa temporal cada vez máis espesa, clarexa de forma nidia cando recordo o motivo que deu pé ó noso primeiro contacto persoal. Nun momento dado fixeches unha referencia tanxencial a este mesmo xornal no que dende hai moito tempo escribimos tanto ti coma eu, que eu considerei despectiva e que hoxe sei mal interpretada, como ti te encargaches de me facer ver ó pouco tempo.

Daquela diverxencia ocasional -que os dous acabamos dando por boa- xurdiu afortunadamente unha relación afectiva que ten ido asentando no tempo por un proceso de decantación paseniña ou de orballo fino, ligada a un xogo parafamiliar debido á coincidencia do noso primeiro apelido e mesmo a unha moi próxima orixe territorial, non en van o meu "piñeiro" procede das terras fronteirizas de Allariz coa Merca e Taboadela, na Pedreira de San Vitoiro.

Así xurdiu o teu "...son o Piñeiro pequeno..." alusivo a unha mera cuestión dimensional, cando por algunha razón me chamabas denantes da identificación previa dos móbiles ou do whatsapp. E así xurdiu unha admiración dual, da que me prezo por contar na parte que me toca e que forma parte dese tesouro sen par que son as relacións humanas que un vai sementando a regando pouco a pouco sen ningunha presa por apurar o froito, máis ca cando o froito abrolla e madura para podelo gozar.

Hai uns meses, un amigo común informoume do camiño fondo que encarabas, pero a prudencia non me permitiu dar ningún paso que puidese incordiar a túa intimidade, tan necesaria neses intres. O cal non foi pexa para que dende a distancia tratase de me manter ó tanto sobre como evolucionabas.

Agora que o privado se fixo público e que a túa grandeza humana se ten visto exponencialmente acrecentada (porque só en treboadas coma esta se ve a auténtica dimensión do mariñeiro), sei que me fago eco do pensar de milleiros de lectores destas "follas nosas" que te seguen a cotío, se che transmito en público o que xa che fixen chegar en privado: Que os afectos non se ven, pero están e son quen de soster a un cando a un lle fan máis falta.

Te puede interesar