Opinión

Bens -ou males- de interese cultural

Se vostede consulta o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, que se atopa no portal da Xunta a non máis de dous pasos de navegación pola rede, saberá que hoxe en día a nosa Comunidade conta con 694 bens rexistrados con tal nivel de protección patrimonial.

Se baixamos un chanzo xeopolítico e reparamos só nos que se atopan rexistrados na nosa provincia, decatarémonos de que deses 694, Ourense tan só ten inscritos, con tódalas bendicións legais, 69.

Non é preciso, polo tanto, perderse no relatorio e botar en falla unha manchea deles para decatármonos de que por máis que creamos que en cuestión de protección patrimonial está todo feito, hai moita terra por arar e moito campo por sachar para chegar a unha catalogación realmente completa.

Eu acabo de ir saciar tal curiosidade despois de ver que o diario oficial de Galicia anuncia a incoación do expediente para declarar ben de interese cultural o xacemento arqueolóxico ee Castromao, unha semana despois de rematar o mesmo expediente co campamento arqueolóxico de Aquis Querquennis, en Bande.

E acabo de saciar tal curiosidade porque en cuestión de protección do patrimonio -coma todo fillo de veciño- vivo navegando sobre unha contradicción permanente e mergullado nunha pregunta de dobre resposta en función de a quen lle sexa formulada.

É bo ou malo, positivo ou negativo, que declaren un monumento, un conxunto histórico ou un ben patrimonial, ben de interese cultural?

Nun principio a lóxica máis elemental lévanos a pensar que é bo, porque dese xeito a súa conservación queda garantida por ordenamento legal e, con sorte, de cando en vez pode "caer" unha pequena lotería para axudar a conservalo.

Ora ben, se esa mesma pregunta se lle fai a un veciño afectado -e digo ben, afectado- porque reside dentro da banda de protección do devandito ben, é moi posible que a resposta diste moito da que eu acabo de referir, pois de súpeto a liberdade de actuación sobre a propiedade queda parcial ou totalmente coartada, de forma que o propietario de contado pasa a perder indirectamente parte da capacidade de decisión sobre o seu predio.

Como darlle a volta a esta sensación, tan común, por outra banda, entre a poboación que convive con algún ben de interese cultural preto?

Pois non hai outra solución ca promovendo iniciativas de valorización do ben protexido, de forma que os "reis magos" da declaración rexistral non lles traian soamente o carbón das restriccións ou de amezas de sancións, senón unha promoción económica que lles poida supoñer algo de beneficio directo ou indirecto para eles e os seus veciños.

Si, xa sei que o que propoño é unha utopía. Pero utopía era tamén que o home pousase un pé na  Lúa e os da Nasa xa andan comprando zapatos axeitados para pousar outro en Marte.

Te puede interesar