Opinión

Bicos e abrazos

Teño eu xente coñecida que adoita cubrir informativamente os carruseis electorais, xa sexa con líderes mediáticos ou con políticos de segunda fila segundo lles toque no reparto informativo que fai o seu medio de comunicación.

No caso da información local non acontece así porque non se trasladan, se non que os informadores de cada comarca simplemente esperan a que chegue cada día a correspondente caravana política, recolle algúns apuntes do día e transmite a información, sen máis implicación persoal cá de recoller as mensaxes previstas para o día e facerllas chegar por vía telemática ó centro informativo. Labor de correspondente, neste caso, que non lles dá tempo a adquiriren o máis mínimo achegamento emocional, porque, pola mesma porta pola que entran saen de contado, sen necesidade de saberen en moitos casos nin os nomes da maioría dos que chegaron e marcharon practicamente sen falar.

De todos modos, hoxe -nesta xornada de reflexión- quérome deter nos outros. É dicir, naqueles que ó máis puro estilo de reporteiro infiltrado cobren informativamente almorzos de primeira hora, paseos polas cidades, encontros de traballo con colectivos e cidadáns, e xa pola noitiña mitins ofrecidos sempre -ou case- polas mesmas persoas. Hoxe aquí, mañá acolá, pasado mañá trasacolá... E así ata o día anterior ó "xuízo final" que é a xornada electoral.

Por veces téñolle preguntado a algún deles se non se saturan mentalmente de tanto escoitar día si e día tamén as mesmas consignas, por moito que teñan lugar en escenarios diferentes e con moi pequenos matices de variación en función do tema abordado.

Téñolles preguntado e aínda que nunca me dixeron nin que si nin que non, non fai falta que respondan porque a medida que van pasando os días ti vas vendo como tamén a eles se lles vai esgotando a batería do receptor e cando chega a xornada de reflexión acaban por estaren incluso máis extasiados cós propios candidatos, máis afeitos nestes casos a tales maratóns.

Tamén lles teño preguntado -aínda que iso tamén o teño comprobado eu mesmo- como é que dan convivido no medio de tanto artificio saudador, con bicos e abrazos a esgalla, coma se non houbera un onte, para logo despedírense pola noitiña con máis bicos e abrazos, coma se non houbera un mañá, ata que chega o día seguinte e noutro escenario repetiren de novo o mesmo ritual de iniciación.

Non sei -e que me desculpen aqueles quen se poida dar por aludido porque estou pensando en xenérico-, pero a miúdo teño a sensación de que non pode ser boa tanta dose de endogamia partidaria xunta para manter as ideas claras unha pasado o día das eleccións.

Te puede interesar