Opinión

Cámaras? Non gracias

Aaparición de novas pintadas en distintos recantos da catedral compostelá acendeu de novo o debate sobre se a colocación de cámaras nos entornos máis próximos a determinados bens de interese cultural debe ou non debe ser considerado unha solución de seguridade.

Eu, que paso case máis horas nun deles ca na miña propia casa e que cada dous por tres derreo o espiñazo -pouco a pouco vaime custando máis- para recoller bolsas de patacas fritas, botellas de plástico ou de cristal de determinados refrescos ou isotónicos e mesmo latas de líquidos efervescentes que son vendidos para sentir a chispa da túa vida, se quere que lle diga a verdade non lle son nada partidario da instalación de circuítos pechados de televisión porque non só non provocan ningún efecto disuasorio, senón que agravan a estética dos propios edificios, que xa de por eles teñen cables e sinais informativas de máis, como para enchelos aínda de máis tendidos eléctricos por aquí e por acolá.

Se ben é certo que a existencia de cámaras pode alertar a algún que outro cafre nocturno que, farto de beber polas tabernas procura algunha dobrez arquitectónica para “desbeber” o que por presión gravitatoria lle pesa no baixo ventre, existen multitude de fórmulas para evitar ser recoñecido polas cámaras de vixiancia no transcurso dunha esmorga nocturna se o que pretenden os esmorgantes é danar seriamente o patrimonio ou poñerse chabacanamente poéticos e transcendentes como se puxo o -ou a- que escribiu unha das frases pseudobíblicas que apareceu na parede da catedral que dá á praza do Obradoiro.

Abonda con colocar un pano na cara ó estilo dos foraxidos dos "far west", unha "braga" desas que tan de moda están para abrigar o pescozo nas noites de invernía e temporal ou mesmo botar a capucha do anorak por riba da testa para que ninguén sexa quen de identificar ó autor ou autores da suposta cafrada.

E, como botón de mostra -ou proba do algodón-, poderiamos tratar de contestar a seguinte pregunta: De veras as cámaras de vixiancia acabaron cos atracos nas sucursais bancarias?

Abonda con ler de cando en vez a sección de sucesos deste ou de calquera outro xornal ou seguir á hora do xantar os telexornais que a miúdo asemellan máis a aquel antigo semanario "Caso" da miña mocidade que a uns informativos do século XXI, para decatérmonos de que colocar unha camariña por aquí e outra por acolá non é máis ca pretender instalarlle portas ó campo ou, como está tratando de facer o mandamais norteamericano, construír un muro que vai ter que lle dar a volta á terra se realmente quere acabar coas ancestrais migracións do ser humano.

Cámaras? Pois non, gracias. A solución definitiva ou está na educación ou non a hai, por máis que en Galicia teñamos como exemplo de contraste aquela que quixo queimar o pórtico do reitorado e acabou sendo -aí é nada!- conselleira de Cultura.

Te puede interesar