Opinión

Camiños e itinerarios

Se vostede repara de cando en vez neste recanto da páxina e se lle dá por ler as "cousas" que día si e día non vou escribindo, saberá que  non é a primeira -nin supoño que tampouco a derradeira- vez que lle dedico esta columna ó camiño -mellor dito, ós camiños- de Santiago.

Dende que no ano 1993 -xa choveu!- o tramo do camiño portugués que une Braga con Ourense por Celanova foi deixado nun limbo nebuloso e indefinido por parte do, daquela, todopoderoso Xacobeo, dentro do marco dos trazados que dende distintos puntos da península ibérica constitúen o mapa dos Camiños de Santiago, algúns levamos un cuarto de século berrando cara o xordo edificio administrativo de San Caetano e cara tódolos outros lugares onde os responsables de definiren o mapa dos camiños estiveron albergados para que dunha vez por todas revisen a bibliografía por eles mesmos producida naquel momento e zopen -coma o angazo nos fociños- coa evidencia de que eles mesmos o teñen xa recoñecido e, non se sabe por que interese oculto finalmente esquecido.

Escribo isto ó fío dunha información publicada estes últimos días en diversos medios de comunicación que fala do recoñecemento como camiño de Santiago dunha ruta que os investigadores que a sosteñen lle chaman dos "arrieiros" e que no tocante ás terras do Xurés, do Quinxo e de Celanova seica cruza dende Lobios, por Entrimo e sube ós intransitables penedíos de Castro Leboreiro para logo baixar cara as veigas de Melgaço e cruzar o Miño por onde non se sabe onde, para logo perderse polas terras do Ribeiro e de aí cara Compostela.

Vaia por diante que isto non vai de debates ou discusións absurdas entre veciños dunhas ou doutras bisbarras (probablemente aí radique a estratexia política -que non institucional- para ter argumentos para negalos), para ver a quen lle recoñecen o seu camiño. Cada quen que loite polo que mellor estime e se por alí houbo nalgún momento algún peregrino a Compostela que lle poñan un monumento e que lle recoñezan todo canto poidan, que por min serán aplaudidos.

Ora ben, ver que dende a administración existe unha receptividade asimétrica que apoia tan decididamente un que hai que coller con pinzas e lle negan o pan e o sal a outro que é tan evidente como que vostede está lendo letras negras sobre fondo branco, iso é algo que nos mete, a aqueles que levamos tantos anos implorando por que nos escoiten, no medio do imno de Portugal e case nos fai obedecer aquilo de "ás armas!, ás armas...!"

Si. Xa sei que, como mal menor, nos ofreceron iso que a nova lei do patrimonio lles chama "itinerarios culturais". Ora ben, benquerido Conselleiro, se cadra está mal que eu lle retruque, pero un  burro non é un cabalo, por máis que os dous teñan catro patas, crin e cola, porque un rincha e o outro rebuzna.

Te puede interesar