Opinión

Cartillas de racionamiento

Teño por riba da mesa sobre a que estou escribindo tres cartillas de racionamento correspondentes ó primeiro e segundo semestre do ano 1949. Hai xa tempo que obran no meu poder, gracias á xenerosidade dun bo amigo que as conservou da tenda dos seus antepasados situada nunha aldea calquera da miña bisbarra. A casualidade quixo que entre todo o papelorio que arquivo no meu escritorio, aparecesen nunha carpeta cando andaba á procura doutros documentos.

Foi unha casualidade desas que se repiten con frecuencia e que te levan a zopar de morros cun libro que había tempo que deixaras de buscar e que che aparece cando andabas á procura doutro, pero o seu tacto rugoso e a súa cor allada polo tempo axitáronme de novo a caixiña dos pensamentos -esa que ten o acendido tan sensible estes días- e termando delas, ó refollalas acabei tocando coas miñas mans uns tempos afortunadamente por min non vividos, pero que formaron parte da educación da miña infancia, sobre todo cando, sentados á mesa, desprezaba algunha comida porque non me sabía ou porque eu dicía que non me sabía, cousa que debo recoñecer no meu cargo, acontecía con relativa frecuencia.

"Comisaría General de Abastecimientos y Transportes. Colección de Cupones de Racionamiento". Velaí a súa lenda impresa sobre o escudo do temido “aguilucho” coas súas frechas daquela España "una, grande y libre". Aquela España en branco e negro da fame e da postguerra que levamos décadas tratando de esquecer.

Non forma parte da miña forma de ser, nin do meu código deontolóxico-xornalístico, e polo tanto non acostumo a facelo nesta columna, exercer como un provocador de alarmas innecesarias, nin como incendiario de conciencias. Como tampouco é a miña intención meterlle o medo no corpo á xente nova. Xa bastante nolo están metendo a todos cada vez que lemos os xornais, escoitamos a radio, consultamos a rede ou vemos a televisión.

Pero, que diriamos hai tan só dúas semanas se chega a saír algún visionario nun programa de televisión de máxima audiencia e nos chega a dicir que tan só quince días depois iamos estar facendo colas cada dous metros á porta dunha farmacia ou dun supermercado. De tolo para arriba, búsquelle vostede o cualificativo que desexe e seguramente quedará curto na apreciación.

Por iso que o mellor que podemos facer nesta outra guerra que nos ten sido declarada é quedarmos na casiña tomando isto moi en serio. Porque en ningún sitio está escrito no vademecum da Historia que o que xa noutrora aconteceu non poida volver acontecer.

Te puede interesar