Opinión

Catro liñas

Catro liñas. Cando o que se quere dicir nun escrito está perfectamente explicado no contexto, abondan para dicir todo o que se ten que dicir, ó xeito do "marcho que teño que marchar!" que fixo famoso -se non me falla a memoria- ó percebeiro Currás de "Mareas vivas".

Catro liñas, ou o que ven a ser o mesmo, "a partir de hoxe, aquí, xa estou de máis".

E catro liñas é o que ocupa o texto no que José Ángel Vázquez Barquero, con posibilidades reais -escríboo porque así o creo- de se facer coa alcaldía da capital a partir do próximo 26 de maio, explicitou a súa partida para o lugar de nunca máis da política municipal ourensá.

"...Comunícolle a miña renuncia ao cargo de concelleiro do Concello de Ourense...". Velaí, sen máis, porque cando o que manda é a vontade persoal -de dignidade escribía eu hai tan só uns días- todo canto se diga dende dentro e dende fóra, está simplemente de máis.

Coñezo a Vázquez Barquero dende a súa etapa na vicerreitoría do Campus de Ourense, cando case non había campus en Ourense. Xa choveu...! E, tanto el coma eu, eramos bastante máis novos.

As súas teimas formativas como profesor universitario camiñaba xa daquela polas encrucilladas do desenvolvemento local, cando aínda moi pouca xente falaba precisamente da necesidade de promover unha pensada e ben planificada rexeneración económica no medio rural se non queriamos que o noso hábitat natural -é dicir, Ourense- se convertera nun páramo sen vida, nin vexetal, nin animal, nin tampouco humana.

Logo chegou o silencio da aula e, de pronto, a vida municipal. Primeiro como "agregado" ó equipo da alcaldía e logo, no mandato que agora remata, como candidato verdadeiro a unha alcaldía que -repito- creo que non tiña a desmán, nin moito menos.

Corre a vida pola nosa beira coo pasa o tren a carón da vía. E cando corre -volvo sobre palabras xa pisadas-, son cada vez máis firmes os alicerces sobre os que pousan os valores que imos colleitando ó longo da nosa traxectoria vital.

E cando baixo algúns dos máis elementais -coma o da dignidade- pretenden poñer dinamita é evidente que hai que ter moi pouco sangue nas veas para non dicir con voz firme: "Ata aquí chegou a miña paciencia!"

Ben é certo que, para iso, é preciso ter un colchón vital que che permita lanzarte do tren a peito aberto sen ter que caer sobre o duro rochedo do barranco.

Noraboa, pois, Barquero! Noraboa, por ter impartido da noite para a mañá unha lección de dignidade persoal sobre a cada vez máis indigna praxe política que se leva agora. Noraboa e bo camiño! Porque, razóns, ganas e lugar para seguir camiñando, por sorte para ti, non che van faltar.

Te puede interesar