Opinión

Celanova e o memoral de 11 de setembro

Hai unhas semanas, unha información emitida pola televisión galega facíalle unha curta entrevista, nun perfecto galego, a un fillo das Terras de Celanova chamado Jorge Martínez e nacido na que lle poderiamos chamar "Celanova do Norte" -é dicir, Newark-, porque alí naceu unha gran parte da segunda xeración de moitos fillos desta terra ourensá cuxos emigrantes exploraron primeiro a illa de Cuba, logo a planicie Arxentina, posteriormente a verdescente Venezuela e finalmente o cosmopolita Estados Unidos de América.

Días despois, este mesmo xornal incidía no asunto cunha entrevista ó protagonista da peza informativa que a min particularmente provocoume varias incógnitas. Incógnitas que evidentemente quixen satisfacer de contado falando directamente con el, porque que coñezo practicamente a toda a súa familia materna.

A primeira e máis importante -cousa que me asombrou cando a lin por primeira vez- era saber como é de que xeito unha das salas máis simbólicas do Memorial do World Trade Center neoyorquino (a que acolle a derradeira columna que foi retirada dos cascallos e que nun acto espontáneo de homenaxe foi asinada no seu momento polos bombeiros cos nomes e referencias ós seus compañeiros) foi deseñada seguindo o modelo urbanístico da Praza Maior da miña vila.

Faltoume tempo para preguntarllo, non sen antes termos subido ó campanario do mosteiro e ver como se emocionou ó contemplar o entorno inmediato da súa terra matriarcal, el que nestes intres está rematando o deseño do museo do Empire State, situado precisamente no curuto de tan simbólico e universal edificio.

"Aquí hai mellores vistas!" -díxome-, revivindo, se cadra, dende o alto as moitas horas estivais da súa infancia soñadora sentado sobre as pedras claustro procesional.

Pero volvamos á distribución espacial da simbólica columna e á súa relación coa Praza Maior celanovesa. Segundo me explicou, no momento no que foi debatida a súa instalación, os membros da Fundación que rexe o Memorial Museum propuñan a súa colocación no centro da sala, mentres que el avogaba pola súa instalación nun lateral, distribuíndo logo os bancos dun xeito paralelo, tal e como están en Celanova, e utilizando como apoio argumental a situación asimétrica do pilón da praza celanovesa con respecto á fachada do convento Documentación que consta -segundo me dixo e prometeu facilitar- no dosier técnico do museo.

Ó final, como acontece a miúdo, acabou saíndo o que dixo o galego. E non só iso, senón que a primeira sinatura no libro dixital de firmas do Memorial foi a del e pon (para quen queira comprobalo cando lle xurda) “un de Celanova”.

Xa ve, benquerido lector, por incrible que pareza, gracias a xentes coma Jorge Martínez que, viven a súa universalidade como tributo á súa torgueira, a nosa emigración é capaz de crear maxia pura, nin sequera maxinada polo propio David Copperfield. Obrigado!

Te puede interesar